Opinión

The Rebel acción

Recoñezo que é un pouco forzado o xogo de palabras. Pero ten a súa lóxica. A acción de The Rebel. A acción rebelde. A revelación dunha forma de facer as cousas. Como se cadra saben vostedes xa, “The Rebel” é unha ópera rock, un espectáculo musical combinación de luces, sons, música en directo, voces, baile, cine e teatro que o xoves pasado a iso das nove da noite engaiolou ao público que enchía totalmente o espazo do auditorio municipal, previo pagamento de quince euros per cápita.

Cando o proxecto empezaba a balbucir, hai para aí un ano, eu tiña a certeza de que a cousa ía acabar como acabou. Mellor dito, como acaba de empezar. Con ese público, posto en pé aplaudindo varios minutos o que vía. Plástica e espírito. E sabíao porque coñezo a algúns dos implicados. Porque teño o pracer -tiña, porque acaba de rematar o bacharelato- de ser profesor de Iván Caride, voz e co-alma do espectáculo, e sei da excelente disposición, calma, traballo, intensidade e eficacia que pon en todo o que fai. Porque vía a implicación ilusionada de Miguel Caride, seu pai, co-alma, guitarrista no que aquí toca, e impulsor do proxecto. Porque vía a ilusión de todos os que mediante crew founding publicaron aí atrás o CD coa historia que se impulsaba, desde El Cercano, e das compañeiras e compañeiros de clase de Iván que no espectáculo do xoves actuaron como unha piña facendo de azafatas, guías, repartidores de folletos. Unha obra colectiva desde a liberdade, desde a independencia. Si, teño confianza, aínda que ás veces dubide, nunha sociedade como a nosa, occidental, preparada, dinámica, na que existe un tecido civil vivo que busca ideas nas que ilusionarse e que vaian máis alá de cansinas matracas -das que dan voltas facendo un son repetitivo e estralante- ou maracas -ocas e con boliñas que fan ruído para o baile- que nos abouxan diariamente.

O feito de que a cousa se organizara desde abaixo, desde os músicos (God save The Rebel Band, espectaculares), desde os actores (Fernando Dacosta, grande, grande), sen intereses económicos, sen pedimento de subvencións, sen máis achega pública que a lóxica cesión do espazo do noso auditorio municipal, espertou un fío de simpatía. Estaría por ver se este tipo de impulso se podería manter para outros proxectos. Pero estamos ao que estamos. Gabando un éxito, o que é cousa fácil.

The Rebel é, pois, un exitoso e moderno canto colectivo, ao redor dun episodio posromántico disparatado como foi o erguemento dun grupo de irlandeses -seguindo ao poeta Patrick Pearse- que na Pascua de 1916 proclaman a independencia na Oficina de Correos de Dublín. A represión violentísima dos ingleses era previsible, e eles o sabían. Gran Bretaña estaba inmersa na I Guerra Mundial e non ía permitir unha nova fronte na retagarda. Pero o nivel de ferocidade no seu esmagamento espertou simpatía por aqueles mozos atolados.

A máxima -e non sei se única- autoridade presente no Auditorio, o embaixador da República de Irlanda, Mr. David Cooney, coa súa dona e filla, estaban, creo, tan entusiasmados como sorprendidos de que en Ourense houbese unha ópera rock dedicada á memoria de Patrick Pearse. E que non sabían que Irlanda estivera sempre en nós, desde que Alfredo Brañas no XIX escribira un poema “Nós, coma eles” que empezaba “Hai unha terra/lonxe da nosa/como ela verde/ como ela fermosa/” e que remataba “Ergue labrego!/Érguete e anda!/Como en Irlanda,/ Como en Irlanda!”. Felicidades e adiante. A cruzar mares. A repetir éxitos.

Te puede interesar