Opinión

Tráfico, atropelos e azoute final

Ben. En Ourense, como en calquera cidade, hai atropelos por tres causas contectadas: hai demasiados coches, van demasiado rápido e a xente –sobre todo os vellos- cruza por onde lle peta. A solución ós atropelos –mellor dito, unha xestión reductora, porque a desaparición é unha utopía fermosa- pasa por actuar sobre esas tres cousas. Ou sexa, lograr que haxa menos coches, que vaian máis despacio e que a xente cruce mellor. E sobre algún destes items é máis fácil de intervir que sobre outros. Á xente, por exemplo, é difícil cambiarlle os hábitos, sobre todo ós maiores, pero aínda así cómpre facer o posible: os gardas poden estar aí para “tanguer” o persoal na dirección correcta. Cun pitido e un aceno coa man, chega. Por unha prevención atávica, se un garda te cacha nas patacas cruzando mal e che toca o chiflo, vas por onde che diga. E sobre os coches parece cousa máis fácil.

Creo, aínda que soe mal, que hai que facerlle a vida máis incómoda aos vehículos particulares –facelos na medida municipalmente posible, máis lentos, máis incómodos, máis caros- para que a tendencia sexa a usalos menos. Si, a cidade debe ser cada vez máis das persoas de a pé: ten un tamaño adecuado. En Ourense todo queda ao que din os ingleses “walking distance”, distancia de camiñar. Hai que andar máis á parte dos Paseos do Miño, ximnasios, etc.

Andar élles o medio de locomoción básico, tradicional, eficiente e barato. Si. A cidade ten que ser máis dos viandantes que é palabra fermosa (un son bilabial, un ditongo crecente, dous enes velares que elevan a palabra...) e menos dos coches, que é palabra fea (unha oclusiva, unha vogal semipechada, unha africada...) e parécese a cocho, con perdón da Coresma. Pero sexamos positivos e lembremos o que avanzamos. Recordan cando a Praza Maior era un aparcamento da xente que ía aos viños? Ou cando andabamos pola rúa de Lepanto ou os Fornos en coche? Ou cando faciamos que o coche pegase un saltiño na cima da Ponte Vella? Agora, no Ourense vello, o encordio non son os coches, son as terrazas, pero xa lles tocará.

En fin, como facemos para combater o exceso de coches e o exceso de velocidade? Radares urbanos? Máis gardas metendo multas? Non tanto. Simplemente hai que ir directamente e sen intermediarios ao órgano que máis sensible das persoas: a carteira. Se poñemos estes dificultadores da marcha no medio das rúas que chaman en céltico irlandés “rampai” –entendible- e en España lomos de burro, bandas sonoras elevadas, etc., pois facemos que por amor que lle temos aos baixos do coche e ao sistema de amortiguación, circularíamos máis amodo. Incluso os Mc Arras. E iriamos menos tensos e acabaríamos por sorrir e ceder o paso. Claro que hai que afacerse, que os primeiros días faríamos fu como o gato. Pero como nos demostra a peonalización do Paseo, á fin, todos contentos.

Ah. E algo máis de implicación dos pais. Lembro un azoute que lle dei a unha filla –debía ter tres ou catro anos- en Ramón Cabanillas porque escapou e cruzou entre os coches e sen mirar. Eu asusteime e decidinme por unha acción de pedagoxía tradicional: collina dunha man e coa outra, aberta, en posición raqueta, deille tal azoute no cu, que non sei se deu unha, dúas ou tres voltas ao redor da man que lle tiña presa. Se cadra esaxero, pero desde aquela cruzou sempre ben. (Non había daquela teléfono do menor.) Ah. Non está nada traumatizada. Nada. Ri cando o lembra.
 

Te puede interesar