Opinión

Uns datiños para enredar

Como xa coñecemos aos candidatos dos partidos con representación no Concello ás eleccións do mes de maio próximo (Xesús Vázquez, J. Ángel Vázquez, Susana García e Gonzalo Pérez), imos darlle unha voltiña ao tema. Para empezar, tres dos catro veñen –para ben e para mal- da corporación actual. E lembremos os datos das eleccións locais de 2011 –que Deus haxa- en Ourense city e fagamos algunha que outra reflexión tanxencial. Empecemos. O censo era daquela de 88.304 votantes (o de maio será pouco máis ou menos igual). Dos votantes posibles, abstivéronse 29.532, ou sexa o 33,69 por cento. Dos 58.139 que foron votar, uns poucos máis de 2.500 votaron ou en branco –a opción seria, 1.477- ou nulo –a gamberra, 1.156-. Entre uns e outros, un considerable 4,58 por centos dos votos. Case tanto como todos os outros partidos que non obtiveron actas de concelleiros. Máis do dobre de Esquerda Unida e UPyD xuntos, por exemplo. Daquela, claro.

Os grupos que si obtiveron concelleiros (PP, PSOE, BNG, DO) lograron xuntos algo máis do 90 por cento dos votos, e o outro cinco por cento, aproximadamente, distribuíuse entre a sopa de siglas habitual. Polo tanto, estaba representada a voz da cidade, das distintas sensibilidades da cidade, de forma clara. 

O gañador das eleccións foi o PP con 21.564 votos (un 37,84 % ), o seguinte o PSOE con 20.896 votos (un 36,67 %), seguido do BNG, 6.146 votos (un 10,79 %) e DO, 4.529 (un 7,9 %). Como saben, empezaron gobernando en coalición o PSOE e o BNG, co que sumarían un 46,47 % do apoio inicial dos votantes. Como saben tamén, o que veu despois foi unha historia de desencontros e problemas como nunca antes se producira na historia das corporacións democráticas. Esgazou a coalición entre os grupos, fracturouse o grupo de goberno socialista de forma irreconciliable, fracturouse tamén o socio nacionalista en varios partidos –en tres militan os antigos concelleiros da candidatura-, detiveron o alcalde, procesaron a unha chea de concelleiros dos grupos de goberno por temas varios, como paneis de propaganda ou cousas de urbanismo, pero tamén procesaron a outros das oposicións por temas privados, como por piratear sinais televisivas, e cruzáronse denuncias xudiciais a fartar. A sensación cidadá, creo non equivocarme, é de certo estupor e vergoña. E creo que a maioría dos concelleiros de todos os partidos non están satisfeitos co espectáculo dado. Polo menos é o que recoñecen en privado. Aínda así, o Concello segue funcionando: os bombeiros, a Policía Local –aínda que racaneando presenzas en eventos- , os enterradores, os varrendeiros, etc. Pero moito máis, creo que pensan os cidadáns, pola inercia eficaz dos funcionarios que polas directrices políticas. En fin. Como vai afectar esta situación local ás decisións dos votantes? E a crise xeral, a percepción xeral da crise? E a emerxencia de novas forzas tipo Podemos ou Ourense en Común? E a atomización do nacionalismo de esquerdas? Obviamente non o sabemos. E cada un pode ter a súa intuición. A miña contareilla outro día que xa se me acabou a folla. Así aínda a penso algo máis. Que ben cómpre.

Te puede interesar