Opinión

“Solo se vive una vez”

Amesma ditadura financeira que estigmatiza ás meretrices e inza as cadeas de pequenos traficantes por “pulir” uns gramos para sufragar a súa adición ven de decidir que se legaliza a contabilidade do tráfico de mulleres e drogas. O resultado inmediato é o incremento automático dun 6% do PIB pero sobre todo a confirmación de que a ciencia económica ortodoxa é tan científica como a definitiva conclusión que sobre a posibilidade de transcendencia humana deu o epicureísmo festeiro das Azúcar Moderno: “Solo se vive una vez”. E non afirmo isto porque se trabuquen decote nos prognósticos senón sobre todo porque escolman da realidade empírica só aqueles dados que lles interesan para apuntalar o seu sono dogmático. Así estes fillos de Nostradamus prescinden, nas súas máxicas curvas de mercado, do traballo doméstico, do traballo de reprodución social que representa, segundo o CSIC, un 126%! do PIB español e que hoxe non se contabiliza.

Os intelectuais orgánicos do sistema manteñen que o traballo e o reparto de seu produto resultan accesorios. O significativo economicamente é coñecermos qué e canto prefire consumir cada individuo e qué utilidade, qué satisfacción tira diso. Definen a familia como unha unidade de consumo no seo da que é indiferente distinguir entre quen coce o polbo e quen o come. Entre quen limpa o baño e quen o usa. Entre quen vela ao neno cando está doente e quen lle compra unha carallada cando se vai á festa. O coñecemento, a enerxía e a capacidade organizativa que as mulleres empregan nas labores imprescindíbeis para a continuidade da sociedade, por careceren de prezo no mercado, devalan invisíbeis. Como di a economista Ingrid Palmer traballan baixo a ilusión da “grande estratexia” onde a familia é unha unidade harmoniosa de contabilidade na que esforzos e dividendos se distribúen democraticamente baixo a autoridade do varón, altruísta xefe de familia.

A esquerda nacional galega debería reflexionar sobre isto tan axiña como os seus diferentes cabalistas e nigromantes resolvan as cuestións perentorias que os ocupan. Cando diluciden si a moza autostopista da curva viña da banda de Laíño ou da banda de Lestrove quizá teñan vagar para artellar unha antropoloxía que soborde dogmas marxistoides e nos amose que o traballo asalariado se sostén só polo traballo socialmente necesario pero privado de amas de casa e nais. Namentres sempre podemos acudir ao socorrido salario doméstico aínda que este semelle pouco operativo e perpetuador da discriminación de xénero.

Despídome cunha confesión. Cada vez que escoito aos monaguillos desta economía, aos Draggi, Juncker, De Guindos ou Almunias sinto que hai tanta ciencia nas súas palabras como nunha tertulia de cuarto, cuarto, cuarto milenio onde Mesmer, Cagliostro, Rasputín, Madama Blavatsky e Fernando Arrabal, iluminados polo consumo das sustancias sólidas, líquidas e gasosas do verdadeiro Graal, platicaran sobre o advenimiento do novo milenarismo. Recoñezo que si este é inevitábel prefiro que me apañe subido a unha mesa na compaña deste último e dos seus divertidos colegas. Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar