Opinión

Os nacionalismos

Hai moitos anos que, este escribidor de vostedes e seu seguro servidor, xunto con outros moitos escribidores máis -bueno, ó millor non tantos- ven persistindo na teima de que o nacionalismo non é bo cando se trata dos periféricos, pero que si o sexa, si sexa digno de eloxio, cando se trata do español, trátase dunha ignominia máis, dunha afrenta pública como tantas outras. Como se chovera. O nacionalismo español segue a ser ben considerado mentres que as restantes expresións da mesma teima política son obxecto de condena. Isto que se di, pode parecerlles certo e ben a uns cantos e falso e mal a moitos máis, porén así élles a cousa.

Así élles a cousa, de momento, porque no futuro non sei que vai pasar. A aparición dun nacionalismo de reducida índole madrileña ameaza con que se nos veñan embaixo los palos todos del sombrajo. Estes días pasados puidemos ler nun xornal de ámbito estatal e conciencia estritamente madrileña que o goberno castigaba con impostos ós madrileños polo mero feito de selo. Unha afirmación deste tipo podémola admitir no que pública e xeralmente se coñece coma un piernas, pero non de boca dunha alta autoridade política exercente sobre uns sete millóns e pico de habitantes. Iso pode ser admisible nun pedáneo, poñamos que de Villaconejos de en Medio del Monte, e nin nese caso, pero é inadmisible en casos de maior ámbito e responsabilidade.

A capital da comunidade autónoma de Madrid, que tamén o é do Estado, asentase nuns dez quilómetros cadrados e conta coa maior parte dos sete millóns e pico de habitantes do total que a compoñen. Galicia, por poñer un caso significativo, ocupa uns trinta mil quilómetros cadrados de territorio e conta con dous millóns de habitantes. Por que razón o que eiquí é denostado e combatido, cando se da en Madrid con tal extremosidade debe ser e é tan enxalzado? Que hai detrás delo?

O Estado de Wyoming, membro dos Estados Unidos de América do Norte, cuxa capital é Cheyenne, que ten uns sesenta mil habitantes, mentres o total deles no resto do Estado non chega a seiscentos mil, pode ser un exemplo máis que -xunto con Vermont, Alaska, Dakota do Norte, Dakota do Sur, Delaware, Rhode Island ou Montana, que non chegan ningún deles ó millón de cidadáns- nos dea unha idea, sequera aproximada, da que se formaría nunha Nación de Estados, como a que conforman os EE.UU. -según definición do extinto e breve ministro de cultura que foi Ricardo de la Cierva, ó seu cese coordinador cultural de Alianza Popular e nada sospeitoso de padecer ningún outro nacionalismo que non fose o propio español- se esa ducia de Estados empezasen a padecer unha febre nacionalista como a que se aventura en Madrid, capital da autonomía, xa se dixo, e capital dun Estado de Nacións culturais, no que non todas gozaron nunca de igual trato. Pois nesas e non noutras son nas que nós podemos comezar a andar. E xa o estamos facendo.

Unha suma de impostos, de trabucos se lles chamou sempre en galego, é impensable que se faga, correcta e apropiadamente ben entendida, dirixida a gravar unicamente as economías máis desfavorecidas da sociedade, curiosamente enriba das que gravita sempre o ministerio da Facenda Pública. Ben polo contrario diríase que constitúa un axioma o feito de que sexan os máis favorecidos pola Fortuna, esa deusa algo veleta e caprichosa, os que contribúan o erario público en maior medida que o resto. Admitido isto, non haberá problema en admitir que os ricos madrileños sexan moitos menos que a que poderíamos chamar xente normal; é dicir, que esa suba de trabucos estará dirixida a incrementar a contribución das maiores fortunas en aras do ben común.

Se isto é así, intentar convencer á freguesía de que eses ricos son Madrid, espertando o fantasma nacionalista, pode acabar levándonos da partitocracia que padecemos a unha plutocracia que non desexamos... se é que somos conscientes do que ambos términos implican e significan. Non é que faga falta saber de economía pra poder entender certo tipo de cousas. Abonda con entender cousas ben simples...ou con non entendelas; por exemplo, como é posible que tendo como temos tantas centrais hidroélectricas, existindo como existen custes de mantenimento da rede que traslada a enerxía eléctrica nelas producida a lugares distantes da fonte de produción, pra que a consuma en aras de mitigar o calor asfixiante de climas nada semellantes ó noso; como é posible, que non consumindo o que outros e pagando por elo outras carencias que o noso clima implica e o noso illamento histórico prodiga, como é posible que paguemos o kilowatio hora ó mesmo prezo?

Ítem máis, poderán ser consideradas coma un nacionalismo exacerbado expansións do ánimo tales como as precedentes e facelo sen aplicar idéntica consideración ás afirmacións de altas xerarquías políticas, xerarquías, non autoridades, non representantes públicos, que largan consignas tras consignas como a comentada clamando por un nacionalismo castizo y cañí que, ó parecer, a ninguén preocupa? Vivimos tempos azarosos e cheos de actitudes que fan renxer os dentes se son mantidas na periferia do Estado pero que se tornan sorrisos compracentes se son ofrecidas nesa capital que Ortega y Gasset cualifiou coma o “rompeolas de todas las Españas” e que nós empezaremos a relacionar co novo berro co que poderemos identificar tales actitudes: “¡Madrid y cierra España!”. Ó resto estanos reservado o que reservado tivemos deica hoxe mesmo. A non ser, claro, que dunha bendita vez comecemos a reclamar o que é o noso unindo tódalas nosas voces. Se Madrid non é o que nos amosan, se as súas autoridades políticas non son perigosísimos arredistas por facer o que están facendo e dicir o que están dicindo, só un desproporcionado e interesado mal entender podería aplicarnos a nós os correctivos que a eles se lle autorizan e a nós nos gravan. Xa nos chegou cos aranceis ó liño en beneficio do textil catalán, agora están a nos tocar os kilowatios e nós caladiños coma sempre. País!

Te puede interesar