Opinión

A treboada que non escampa

O comportamento dos concelleiros ourensáns é coma este tempo que padecemos. Cando parece que quere escampar, sorpréndennos con outra treboada. O meu tío Lisardo adoitaba dicir que, ao vir o inverno, os días comezan a medrar coma a pisada dunha pita. Habitualmente, ao irmos indo cara a primavera, o negror da noite tarda máis en chegar e, coma se non fora cousa, comezamos a gozar da clareza, a pesar da perdurable invernía. O que acontece é que a melloría do tempo –e do asunto capitalino- é moito máis cativa cá pisada da pita do meu parente. Non escampa e o negror eternízase.


Neste tedio ourensán que comeza a cheirar a auga podre, a treboada veu para quedar mercé á actitude aloucada do claustro edilicio. Por mor do espasmo dos que ocupan o goberno municipal -e grazas á pachorra dos que non teñen ansia de gobernar- o cotarro estase a converter nunha aburrida monotonía que nos fai boquear máis da conta. E aí estamos, impertérritos coma se nada pasara, deixándonos abater polos tarambainas de sempre, sen sermos capaces de reaccionar, aínda que o mundo nos veña en riba coma unha lousa que nos aplana sen piedade. É coma se nos arrincaran o mínimo instinto de supervivencia, coma se os fortes vendavais que se estampan contra as nosas caras non fosen quen de arrepiarnos.


A cabeciña dos ilustres ocupas do número un da Praza Maior é como é, mais o conto adquire gravidade cando comezan a perder a noción do tempo, embobados en azacotar esa especie de loxa masónica, na que son capaces de pórse de acordo, sen necesidade de acordar nada, confabulándose entre todos para meter paus nos artefactos do reloxo da Casa consistorial, ata conseguir frear en seco a andaina do tempo, obsesionados en brindarnos o fraco favor de facer que a adversidade fique tamén connosco perpetuamente.


Talvez a atrofia endémica que tanto nos mingua a capacidade de sermos nós, causándonos unha especie de pulmonía crónica que nos deixa sen folgos para reaccionar, sexa o xenuíno froito producido na veciñanza polas mentes gafadas dos ilustres concelleiros ourensáns, empostos a erguerse cada mañá, sen outra preocupación que non sexa a de tocarlle os güevos uns aos outros -sexan da mesma familia política ou non- e de paso tocárnolos a nós tamén, facéndonos partícipes do desinterese pola res pública, ata conseguir que a desidia nos poña talmente fóra de combate.


Ah! A pesar dos pesares, ouvín que aínda hai xente con folgos para gurrar contra ese vento badoco, criado nas cloacas dos putos amos do mundo, que nos zumba cada día no couquizo para facernos zunir os tímpanos con esa sempiterna parvada de que “todos son iguais”.

Te puede interesar