Opinión

Un entre 132.713

Andan estes días expoñenciados por aquí e por alá, ó longo e largo de prazas públicas e prazas de abastos, rúas do paseo, feiras, festas e mercados, teatros, cines e auditorios, todos eles en comandita -ás veces ata se cruzan uns cos outros- e case sempre despotricando contra os do outro lado, outras impartindo consignas catequizadoras de argumentario e de cando en vez -para que non se diga- desvelando faíscas do futuro que van contribuír a construír para nós, eses seres transparentes ó longo de catro anos, pero que durante estes quince días acadamos por unidade (un corpo un voto) valores propios de bolsa alcista no mercado.

Eu, sobre todo en semanas electorais coma estas, sígoos prudentemente distanciado, malia que entre eles tamén haxa -na vida ten que haber de todo- candidatas e candidatos (non vaia ser) que levan no seu macuto os meus afectos, unhas veces a sabendas e outras en total anonimato.

De tódolos xeitos, que poña algo de terra de por medio non quere dicir que non siga dende a distancia os seus pasos (polo menos os dos que poden depender directamente do meu voto) e que, como elector interesado, non vaia tomando nota do que declaran nos medios de comunicación, do que deles din eses mesmos medios ou do que eles mesmos escriben nos muros dos seus diarios, pois do que din e non din, do que escriben en negro sobre branco ou entre liñas -que a miúdo é de moito máis calado- pode depender o día 26 o logo da papeleta que elixa no buzón da mesa na que estou censado. De aí que, por se non se lles deu por botar unhas contas nalgún descanso ou cando, extasiados, se deitan a durmir nestas xornadas de sol a sol coma as dos "refuxiados", voume permitir botalas eu por eles, cun símil que creo que é suficientemente claro como para que o entendan -eles e vostede- sen ningún esforzo estraño.

Imaxine -benquerido lector, sexa ou non sexa candidato- que o próximo día 26 a maquinaria administrativa do Estado convocase unhas oposicións libres para 350 postos de traballo (para estas contas da leiteira vou obviar os candidatos ó Senado) e que, por seren precisamente libres, a elas puideramos presentármonos os 46.449,565 que rexistra nestes intres o INE, pois para o corolario ó que quero chegar suman tamén os menores de 18 anos e os estranxeiros, que sofren e gozan connosco malia que en cuestión de DNI sexan uns "indocumentados".

Pois ben, todos e cada un dos candidatos, cando senten no escano que lle teñan asignado, deberían teren moi claro que o seu "aprobado" equivale a ter superado unha oposición na que a cada posto de traballo optaban ¡132.713 candidatos!. E feita esta abstracción, para que lles dea un pouco de vertixe, logo deberían pensar en se -de ter sido por medio dun exame- serían eles os que estarían alí sentados.

Te puede interesar