Opinión

A boina e o voto

Cómo, cando vostede lea isto xa estaremos en plena xornada de reflexión, termo hoxe dunha anécdota que me contaron hai un tempo e que estaba agardando a este día para traela a colación.
A ver se son quen de contala, aínda que en versión resumida, tal como a min me foi relatada, para que non perda nin un grolo da rexouba que a mesma leva implícita e que dalgún xeito define como somos nós.

Aconteceu nunhas eleccións municipais, coido. O de menos é o municipio no que foi e a qué partido pertencían os persoeiros secundarios e mesmo o protagonista da votación. O que interesa é o relato e a astucia antropolóxica amosada polo elector. Velaí vou:
Resulta que un candidato que andaba polas aldeas repartindo papeletas da súa formación, chegou á casa dun conveciño co que tiña vella confianza e fixo o mesmo que fixera tantas outras veces, elección tras elección. É dicir, entregarlle o sobre, coa confianza de que, como noutras eleccións acontecera, non lle ía fallar.

Sen embargo, ese día o candidato notou unha sensible mudanza no acto de recepción da papeleta e preguntoulle se mudara de opinión, ó que o veciño, xa entrado en anos, contestoulle que non, pero nesa ocasión ía telo un pouco complicado porque o día das votacións estaría na casa a súa filla, que era simpatizante -ou, mellor dito, activista- doutra formación e seguro que lle miraba a papeleta denantes de saír da casa.

“De tódolos xeitos -tranquilizouno- perde coidado. Eu xa me arranxarei”.
O caso é que pasaron os días dende que tivo lugar o encontro entre ámbolos dous -é dicir, entre o candidato e o elector- e non volveron falarse, polo que cando chegou o domingo das eleccións, o candidato estivo pendente para saber se podía contar con aquel voto ou non, en función de que o home chegara só á votación ou fose acompañado, como el dixera, pola súa filla.
E así foi, a media mañá atopouse con pai e filla á porta do local electoral e malia dar por perdido o voto, facendo de tripas corazón saudounos coa cortesía debida dunha relación que estaba por riba da política.

Entón, o elector devolveulle un insólito saúdo, case militar, tocando coa man dereita a boina que levaba a cotío, cousa que o candidato non descifrou, ata que unha vez que o veciño votou e xa sen a súa filla a carón, volveu onda el e descubriulle o segredo.
"A miña filla pensa que son parvo", díxolle. E, botando a man á boina, sacou do seu interior un sobre que tiña dentro a candidatura da formación na que militaba a moza. "Cando saímos da casa, en canto sacou o coche do garaxe fixen o cambio e agora está convencida de que votei por quen ela me dixo. Coitada!"

En fin...! Que cada quen vote a quen lle pete. Pero, por favor, como fixo aquel home, ¡con cabeciña! Que o voto é persoal e intransferible. E está unicamente suxeito á nosa decisión.

Te puede interesar