Opinión

Canto faltará?

Oito menos cuarto da mañá. Estou almorzando fronte ó televisor. Vexo pasar pola pantalla as portadas dos xornais do día sen me deter moito no que cada unha delas apunta, xa que logo, todas apuntan cara o mesmo lugar pero con trabucos de diferente cor. Nada novo baixo o sol: Cataluña quere ser independente contando só coa súa opinión, mentres o resto do Estado considera que a súa voz tamén debe ter valor. Solución? Un imposible metafísico, simplemente porque non hai punto medio onde poidan converxer ámbalas dúas posicións.

En fin... Queda sen resolver o xeroulifo e a xornalista que lle pon face ó noticiario muda completamente de rexistro para ir a outra sección. Concretamente á de "internacional". Alí irrompen unhas imaxes, primeiro tranquilas, dun Parlamento -que logo informan que é o de Ucrania- en plena sesión, cun dos parlamentarios facendo uso da oratoria, mentres outros dous camiñan a paso largo sobre a alfombra central do hemiciclo, ata que se achegan onda el e comezan a darlle zafanazos sen tino, en tanto dos outros escanos se erguen homes e mulleres para converxer nunha barafunda de brazos ó aire (os que se perden polo camiño) e outros que non se dan visto (os que chegan ó seu destino) que provocan como pouco vergoña, descrédito e, sobre todo, deshonor para o país que os acubilla.

Xórdenme, entón, na memoria uns cantos escenarios, protagonistas e situacións bastante máis achegadas no espazo, que pasan diante dos meus ollos a cámara rápida, coma nunha película de cine dos anos vinte. É dicir, de Charlot.

Véñenme á idea palabras grosas coma puños, chabacanas expresións, morrazos que soan como disparos de fogueo sobre os escanos do adversario, desaires, insultos, metáforas esaxeradas máis propias dun conflicto bélico ca dun hemiciclo democrático ou dun non menos democrático salón de sesións... En resumo, aldraxes, ofensas e exhabruptos dos que todos temos sido mudas testemuñas nos últimos tempos porque teñen sido pronunciados por activa e por pasiva por uns e outros. E non en ucraniano -ou ucraíno-, senón no noso propio idioma, que desgraciadamente entendémolo mellor.

Pasan diante miña todos eses fotogramas, mentres abro a porta da casa para saudar ó sol que se anuncia en resplandor por tras do San Cibrao de Monte Calvo e fágome unha pregunta: Canto faltará para que tan denigrante espectáculo, que hoxe contemplamos alá no lonxe, sexa un episodio aínda máis vergoñento porque os seus protagonistas vaian seren xentes ás que se cadra votamos nós?

Te puede interesar