Opinión

Unha carta dende a India

Si, é certo que agora case resulta insólito falar de recibir unha carta postal, a non ser que sexa unha citación xudicial, unha comunicación dunha multa de tráfico ou unha petición de comparecencia da Axencia Tributaria para "actualizar" datos, cando non un extracto bancario ou a cuota mensual da compañía telefónica ou de electricidade coas que vostede teña contratados os servizos.

Refírome eu ó que se di unha carta ó uso, é dicir, unha comunicación persoal sen ningunha outra intención cá de informarte das novas das que é protagonista quen che escribe e ó mesmo tempo interesarse polas que che suceden a ti no teu ámbito de convivencia.

Desbotadas, polo tanto, esoutras que apuntei primeiro e dándolle valor ó que sempre se chamou relación epistolar, loxicamente -porque esta é unha carta aberta que carece de receptor único- descoñezo dende onde puido ser o lugar máis alonxado dende o que vostede, benquerido lector, ten recibido unha desas misivas.

Eu podería asegurar que a que dende máis lonxe me chegou, recibina hai unhas semanas. E debo dicir tamén que non é a primeira, porque cando o emisor de tal misiva se atopa acolá -e digo acolá con bo criterio porque, tal e como reza na cabeceira, o sobre chegou de aínda máis alá ca do lonxano oriente- adoita facerme un afectuoso envío sempre, dándome conta das súas vivencias culturais e educativas naquel inmenso país que tanto el ama e tan ben coñece.

E o emisor non é outro có mestre e pedagogo José Paz, que me escribe dende a cidade de Santiniketon, alá onde a India empeza a facer fronteira polo leste con Bangladesh e polo norte, case, co Nepal e os nevados cumios do Himalaya, para dicirme que durante esta nova estadía tivo ocasión de, por unha banda, presentar alí un libro seu en bengalí que trata sobre o grado de coñecemento que o seu autor de cabeceira, Rabindranath Tagore, ten en Galicia e no resto de España e, pola outra, para asistir á celebración das festas populares tagoreanas da árbore e da agricultura, "que só -dime el- coñecía por fotos".

Non trato aquí de escribir unha crónica das "andanzas" dun ourensán por terras tan alonxadas, porque é ben coñecida a relación de José Paz con Tagore e coa India, senón facerme eco da admiración que me provoca a súa devoción por todo canto Tagore representa, non tanto como escritor ou poeta, senón como creador dunha determinada corrente educativa e sobre todo como promotor dunha filosofía de vida da que teriamos moito que aprender nestes tempos convulsos e relativistas.

Te puede interesar