Opinión

Cartas e dictados

Tiña eu un amigo de vello, bastante crítico por principios coa figura dos alcaldes que ocuparon durante un tempo -e nalgúns casos illados, aínda ocupan- os despachos principais das casas de concellos rurais de Galicia, que ademais da elección indirecta popular, logo de teren sido electos en sesión solemne polos seus respectivos concelleiros, debería contemplar a lei, ou o regulamento que a desenvolve, como precepto final para a toma de posesión definitiva do cargo, unha proba escrita conformada por un dictado de media folla, non máis.


Retrucaba con frecuencia, aquel meu amigo, alá polos anos 90, que de ter sido incluída esa proba no protocolo electoral, unha grande parte dos alcaldes -daquela había poucas alcaldesas- non chegarían a termar da vara de mando, que así lle chaman ó pau que elevan ó ceo coas dúas mans a maioría deles cando resultan elixidos para o cargo.


É certo que o meu amigo daquel tempo esaxeraba un pouco. Como tamén é ben certo que un alcalde ou un político calquera non ten por qué saber compoñer coma un poeta, nin redactar coma un xornalista, para ser bo alcalde, por máis que eses valores non están de máis, tanto nun alcalde coma nun presidente dun goberno ou mesmo nun candidato, porque de un coma de outro é do que vou reflexionar eu de seguido.


Estoume referindo, por unha banda, á misiva pública que o pasado día 20 lle escribiu o expresidente goberno, José María Aznar a presidente actual, Mariano Rajoy, así coma a carta aberta que Pablo Iglesias lle enviou a Íñigo Errejón, una días denantes.


E é que, aínda que, como dixen, unha redacción non faculta nin inhabilita a ninguén para unha determinada función xestora, nin no ámbito privado nin no público, a verdade é que as redaccións -supoñendo que nestes casos, que non o dubido, fosen de puño e letra persoal de ámbolos dous- axudan a definir ós que as redactan, igual que os trazos manuscritos definen, a ollos dos expertos, a súa personalidade.


É digo que son definitorias dalgunhas cousas porque non hai máis ca lelas cun certo tino para decatarse de que, como diría o informe Pisa, no tocante a redacción a clase política española anda un pouco trenca.


Eu non sei se tivo vagar e paciencia para lelas. Se foi así, estou seguro de que concordará comigo en que ó expresidente Aznar búlelle máis a mau cá cabeza e coma un felino lánzase á gorxa da súa presa denantes, case, de comezar a cazar.


Pola súa banda, no caso do líder da formación "podémica", a súa lectura tamén desvela algúns trazos significativos do ex-profesor, tales coma o paternalismo, a autosuficiencia ou a sobreactuación.


En fin..., que, por máis que o meu amigo fose un pouco arroutado, á clase española non lle viría de máis afondar un pouco nos principios da redacción. E para mostra, abonda con estes dous botóns.

Te puede interesar