Opinión

Lava o coche...

Ímonos poñer e situación. Imaxine, benquerido lector, que vostede ten unha leira que lle interesa a un seu veciño que ten unha máis grande ó seu carón e que precisa da súa porque lle faltan metros cadrados do seu predio para que a Lei do solo lle permita construír. Imaxine, ademais, que cos metros que lle aportaría a súa propiedade non fosen aínda suficientes, polo que precisaría dalgúns metros máis dunha terceira terra doutro veciño para poder levar a cabo a obra que pretende construír.

Repito, poñámonos en situación e consideremos que dado que vostede é o que persigue a execución da obra é quen debe dar o primeiro paso para explorar as posibilidades de negocio existentes, denantes de encargar o proxecto técnico de execución e levar a cabo os trámites administrativos necesarios para conseguir a consecuente licenza de obra e outros permisos destinados a legalizar a situación.

Unha chamada telefónica, unha cita primeira de exploración e unha conversa inicial para coñecer a disposición ou non á venda por parte do propietario do primeiro predio, sería, por mera lóxica, o primeiro paso que debería dar se quere levar a bo porto a nao da edificación.

Imaxine agora que, no canto de poñerlle por riba da mesa as condicións económicas e mesmo de dicirlle se está disposto á venda ou non do seu predio, o veciño colócalle por riba da mesa unha serie de condicionantes que nada teñen ver coas cláusulas da venda, senón coa súa propia finca obrigándoo -denantes de sentarse a falar- a que a desbroce completamente, lle poña rego por aspersión, plante unhas ducias de cerdeiras, mazairas e outros árbores frutais e mesmo lle coloque un novo portalón na entrada onde rece que pola súa intercesión lle lavou a cara á finca e mesmo a deixou coma unha patena para que o reto da aldea campe mellor.

Pensei nisto hoxe ó ler un titular no xornal de onte que literalmente dicía: "C's advierte de que pedirá reformas profundas al PP".

E pensei nisto porque aínda sen saber se o símil é ou non é bo, seméllame a min que, turrando así dunha corda inexistente, é, máis ou menos, o que está facendo o partido de Albert Rivera co de Mariano Rajoy. É dicir, tratando de arranxarlle a casa ó Partido Popular (que, evidentemente, ten moito que arranxar e que limpar nela), sen pararse a pensar que o que realmente ten que negociar son as condicións de futuro sobre as que haberá que gobernar este país de aquí ós próximos catro anos ou ó que dure esta preguiceira lexislatura que non acaba de espertar.

Ou, dito doutro xeito, se queres que monte contigo no coche, limpa o coche, cámbialle o aceite e pon pneumáticos novos. Logo, se nos esnaframos por un barranco, iso xa me dá o mesmo, ou o mesmo me dá.

Te puede interesar