Opinión

Libremente

Nós queríamos libremente/ comer o pan de cada día. Libremente/ mordelo, masticalo, dixerilo sin medo,/ libremente falando, cantando nas orelas/ dos ríos que camiñan pra o mar libre.


Libremente, libremente,/ nós queríamos somente/ ser libremente homes, ser estrelas,/ ser faíscas da grande fogueira do mundo,/ ser formigas, paxaros, miniños,/ nesta arca de Noé na que bogamos. Nos queríamos libremente surrir,/ falarlle a Dios no vento que pasa/ -no longo vento das chairas e dos bosques-/ sin temor, sin negruras, sin cadeas,/ sin pecado, libremente, libremente/ coma o aire do mencer e das escumas.


Coma o vento./ Mais iste noso amor rompeuse,/ -vidro de soño fráxil-/ nun rochedo de berros/ e agora non somos máis que sombras’.


O que acaba de ler, querido lector, é un fermoso poema que Celso Emilio Ferreiro publicou no libro ‘Longa noite de pedra’, alá polo ano 1962, hai nada máis e nada menos ca ¡46 anos! Dirá vostede que a qué ven volver atrás sobre esas todas palabras, por moi preñadas de estética que no seu conxunto estean.


E direille eu: ¡Qué triste!, ter que empezar a volver sobre elas para prender un facho, unha luz de alerta, que lle faga ver a algunhas xentes que entre a terra firme e o precipicio, entre o feito de sentirse propietario das ideas e a tentación de obrigar a todo o mundo a asumilas como propias, non hai máis ca un pasiño, un empurronciño sequera; un ramalazo facistoide apenas, ou o que ven a ser o mesmo, un pouco de poder ‘absolutiño’ e ningún prexuizo para exercelo (porque a cruzada así o xustifica) ata as últimas consecuencias.


¡Qué triste!, que o nome de Manuel Curros Enríquez se vexa de tal xeito lixado e ó mesmo tempo prostituído, cando no seu nome se prostutúen conceptos para el sagrados coma progreso e liberdade. Foi no nome da liberdade e do progreso, que el se enfrontou contra o poder establecido. No nome da liberdade e do progreso foi que puxo en solfa a León XIII. Do mesmo xeito que no nome da liberdade e do progeso foi condenado por escribir herexías. Como tamén foi, no nome da liberdade e do progreso de Cuba e dos cubanos, que viu pechar as portas de ‘La Tierra Gallega’ polo gobernador de turno.


Todo para que agora, os presuntos ‘propietarios’ dos cartos, da patria e das ideas, no nome da ‘nación, a liberdade e o progreso’ pretendan obrigar ás xentes do común -que el defendía- a comungar con rodas de muíño.



Te puede interesar