Opinión

O libro dos amigos

Como seguro que sabe vostede, benquerido lector, o "capitel" que escollín hoxe para ser sostido por esta columna reproduce un libro que Otero Pedrayo publicou en 1953 en Buenos Aires e no que dá conta das lembranzas de xentes queridas coas que xa non podía intercambiar afectos e coñecementos porque xa non lle estaban a man.

Perderíame agora no relatorio se me puxese a debullar nomes e apelidos desa sorte de Santa Compaña que o patriarca instalou no altar maior da súa memoria.

Pero, non se trata diso, senón de explicarlle por qué tal libro -ou, mellor dito, o titular que o identifica- se me veu á idea nantronte pola tardiña no Centro Cultural Marcos Valcárcel mentres escoitaba a intervención que veu facer a Ourense o actual director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo.

Dou por descontado que cada quen ten a liberdade de falar do que lle pete nun foro, sempre e cando non se meta cos demais, e o oínte ten a liberdade de erguerse da cadeira e deixar de perder o tempo cando lle pete, se é que considera que iso é o que lle está a pasar, e, polo tanto, non pretende ser esta unha crítica cara ó xornalista, senón unha reflexión que fago agora, porque non deixa de ser (esta de enarborar os tópicos valores que nós sabemos xa que temos e subliñarnos, con anécdotas incluídas, un por un, o libro dos seus amigos ourensáns) unha técnica, por outra banda, comunmente utilizada por moitos nomes coñecidos, cando se achegan a "provincias" a realizar algunha intervención.

E como pretende ser unha reflexión, comezarei dicindo que, tendo diante ó responsable de tan prestixiosa institución cultural coma o Instituto Cervantes, nunha cidade que se preza de estar na vangarda da creatividade europea como é Lisboa, sentín unha certa decepción por non poder escoitar exemplos e valores da vida cultural lisboeta ou, por extensión, do resto de Portugal, xa que logo, de "cultura e creatividade como valor nos territorios" era do que teoricamente nos ían falar os actuantes na apertura de portas da semana de industrias creativas e culturais pola que estamos a transitar estes días en Ourense.

Ben é certo que unha palla non fai palleiro e que de que a palla saia grola non son responsables os organizadores do encontro. Nin moito menos tal circunstancia lle resta a máis mínima importancia a un evento que teño para min que se debe converter nun referente ibérico no ámbito da reflexión -da necesaria reflexión colectiva- que temos que facer todos cantos vogamos arredor dese caixón de xastre que leva por nome "Cultura".

Ora ben, como sinceramente foi no que pensei mentres o escoitaba, dubidando se unha digresión semellante -sobre os seus amigos madrileños ou barceloneses- sería quen de facela en calquera foro desas dúas cidades, por máis que saiba tamén que non é politicamente correcto, dado que -por tal causa- me sentín desmerecido, se non o escribo, rebento.

Te puede interesar