Opinión

"Señora serenidade"



Unha vez máis parafraseo a Curros, neste caso para enunciar, coma el, que "tempo fai que nos riñós/ levo cravada unha espiña/e como me doi aíña/ vouna quitar diante vós".

Ven a conto, tal composición, porque, se ben dende que María do Ceo comezou a regalarnos a súa arte galega e a súa alma fadista -primeiro a través da "Alfama" e despois como solista- eu sempre procurei saír ó estrado para dar a miña seareira opinión da súa ascendente traxectoria musical, nesta última ocasión as malas fadas quixeron conxugarse para que non fora posible facelo no momento oportuno.

Por iso quedei en débeda con ela e por iso dende aquela levo cravada tal espiña. Sobre todo, por ter sido testemuña -e non ter dado fe, no seu momento- dunha das máis estremecidas interpretacións que lle levo escoitado e que tivo lugar con motivo dun dos actos máis cargados de emoción dos que teñen contado coa miña participación, nun centro madrileño de atención a doentes de esclerose múltiple.

Como reza o dito popular, ó non escribir daquela, é dicir, ó pasar o día pasou tamén a romaría e a miña saída ó encontro do seu último disco, "De Portugal a Galicia", quedou adiada sen data.

Sen embargo, ó vela nantronte instalada sobre a atalaia afectiva da "multidão" que a foi escoitar á praza Maior de Ourense, de novo pídeme o corpo escribir, non tanto dese último disco no que segue a afondar na converxencia dual das dúas almas que nela aniñan, canto sobre ela mesma. Porque ela mesma é musica de seu. Música que o tempo ten ido tecendo en forma de elegante "chaile" con cores de saudosa serenidade, alén dos diversos cromatismos que un olle nunha canción ou noutra, sexa esta galega ou portuguesa.

De aí que, cando contemplei o xornal, de súpeto vinme colonizado pola letra dun fermoso poema de Gastão Neves, que Dulce Pontes recita e que semella acaído para o momento actual desa "Senhora serenidade" que hoxe, para min, María do Ceo representa:

"O coração tem três portas/ segredos do coração./ A primeira é dos amigos/ a mais doce do meu filho./ A outra, do meu amor/ prémio do coração,/ que não mereço/ essas portas/ abertas à emoção./ A porta dos amigos/ é a alegria,/ assim a sinto pelo/ que me dão./ Ao ver o meu menino/ entre os meninos/ a vida corre em mim/ em comunhão!/ Meu coração tem três portas/ minha casa as que convém,/ por ser portuguesa exorta/ amar a terra e o que vem,/ dessas histórias remotas/ que só Portugal as tem. / A minha casa se chama/ senhora serenidade,/ apaga ou acende a chama,/ tece o fio da saudade./ O coração não se engana/ ao toque fraternidade,/ abre a porta/ a quem nos chama./ O coração tem três portas/ para se viver e sonhar,/ coração porta da vida/ abre a porta ao bem de amar!

Te puede interesar