Opinión

De tempos e distancias

Leo que o alcalde de Muíños acaba de manter unha reunión co presidente da Xunta para darlle a coñecer diversos proxectos de dinamización local que, como tantos outros do resto destas terras rosendianas, esmorecen na distancia porque, por desgracia, estas bisbarras arraianas quedan cada día máis lonxe de Compostela.

Dis que a distancia, agora máis ca nunca mídese en horas e minutos no canto de metros e quilómetros. E isto vale tanto para un viaxeiro común que se despraza a un lugar para comprar ou vender, ou mesmo para beneficiarse dalgún servizo público, como para un turista que se move polo simple feito do pracer, o descanso, o ocio ou o coñecemento.

Para un viaxeiro destes perfís que resida aquí en Ourense -poño por caso vostede ou eu mesmamente-, loxicamente se colle un voo directo quédalle moito máis preto Londres ou París -incluso as Illas Canarias- ca Córdoba ou Granada, xa que logo en ningún caso son comparables as tres horas ou tres horas e media que pode tardar en chegar ó destino nos primeiros casos, cás nove ou dez horas que lle pode levar en coche a calquera das capitais andaluzas.

É dicir, en termos actuais de comunicación poderiamos dicir que un quilómetro non é un quilómetro, senón, para un coche a 120 km/h, algo así como medio minuto, mentres que para un avión a velocidade de cruceiro -máis ou menos 900 km/h-, non moito máis dos 4 segundos.

Fago esta breve reflexión ligada á visita cursada polo alcalde de Muíños ó presidente da Xunta, porque mentres que na vida cotiá isto é xa comunmente asumido, na vida política ou institucional a distancia é un concepto mental, máis ca temporal ou de pura lonxitude.

E digo que é un concepto mental, non tanto aplicable ó propio presidente da Xunta, que se ten movido por aquí e por acolá infinidade de veces e sabe os atallos e os atadallos das comunicacións galegas, canto asignable a outros moitos responsables institucionais que moran por baixo do paraugas da Xunta de Galicia e para os que -se me apuran- mesmo Porto ou Lisboa son lugares máis próximos para eles ca Salgueiros, Olelas ou Portoquintela.

Só así se entende que proxectos coma Salgueiros ou o Parque Natural do Xurés permanezan tan abandonados coma o alcalde muiñés denuncia, logo de teren investido millóns de euros noutras épocas e noutras etapas políticas. Incluso diría máis, só así se entende que comarcas coma a Terra de Celanova e a Baixa Limia pareza que non existen no mapa de Galicia por máis que entre ámbalas dúas nada terían que envexarlle a ningunha outra comarca galega se dende Compostela decidiran dunha p. vez poñer en valor tódolos recursos que ámbalas dúas albergan.

Te puede interesar