Opinión

Terra Erma

Publica a Deputación provincial o sétimo reconto do Observatorio Económico Ourensán, botando neste caso unha mirada necesaria ó amplo sector dos pensionistas, porque a miúdo non abonda só con intuír as cousas, senón que hai que poñerlles unha candea para poder velas.

É unha absoluta evidencia que se nos movemos por calquera rúa, calquera pista, calquera praza ou calquera canella de calquera municipio da provincia, o que maioritariamente nos asalta á vista son xubilados entretidos contemplando algunha obra, tomando o sol ó pé dun carballo calquera, quentando parsimoniosamente o corpo nunha horta ou simplemente paseando pola beira da carretera.

É unha obviedade comunmente compartida, da que todos -e tamén eles, os pensionistas, digo- somos plenamente conscientes. Sen embargo, agora, gracias ó pormenorizado estudo do "OEOu", sabemos que a finais do 2014, Ourense contaba con 93.399 pensionistas, unha cifra que poida que a día de hoxe non teña variado moito, xa que se ben é certo que uns van deixando de percibir a súa pensión debido ó inexorable ciclo da vida, outros vanse incorporando ó colectivo ó iren cumprindo os 65 anos de rigor ou uns menos se logran acadar a prexubilación a tempo.

É dicir, case cen mil homes e mulleres que a dicir do profesor Andrés Mazaira lle veñen reportando ó PIB provincial anual o nada despreciable montante de case mil millóns de euros, en moitos casos disfrutados non só por eles, senón polos seus fillos e se cadra, en maior medida, polos seus netos.

E se esta cifra, así en termos absolutos e sen outras referencias, non nos diría moito -pois se na provincia viviramos un millón de persoas non sería significativa-, se temos en conta que pasamos minimamente dos 300 mil, comprobaremos que de cada tres persoas que vivimos na provincia de Ourense, unha delas é xubilada, polo que a "cousa numérica" comeza a parecerse á evidencia empírica que cada día constatamos, andemos por onde andemos.

Pero o dato máis relevante dos que degrañou o profesor Mazaira onte no Centro Cultural Marcos Valcárcel, é que o número de afiliados á Seguridades Social é de pouco máis ca 99 mil traballadores. É dicir, que, en números redondos, por cada traballador ourensán, hai un pensionista ó seu cargo e unha outra persoa que tampouco "renda", xa sexa porque aínda non ten idade para elo, xa porque estea no paro.

En fin, que se ben antes sabiamos por mera percepción visual que a proxección de futuro desta nosa terra non ía nada ben, agora sabémolo con moito máis coñecemento de causa, polo que agora máis ca nunca, tal como escribín hai uns días, a terra -máis que pedir- implora pobo. E, como non llo deamos -e pronto-, con datos ou sen eles estamos condenados a converternos en terra erma.

Te puede interesar