Opinión

Documento lírico

Esta pequena aventura cinematográfica iraquí é máis que unha rareza, máis que un brote de brisa no deserto. “Zamán, o home dos xuncos” (2003) ten entidade propia, é cine vivo. Na tráxica celada, na sinistra trampa de Iraq non pode haber un sistema de produción cinematográfica propio. Pero hai cine. E está aquí. Respira o filme un poderoso alento documental, ten ambición de trazar e dicir cousas que se moven acochadas dentro da imaxe de esmagamento que hoxe identifica a súa terra. E fainos entrar no territorio humano que hai dentro da devastación que degrada alí a imaxe da vida. “Zamán, o home dos xuncos” é un filme nobre e equilibrado, no que o que se atopa está á altura do que se busca. E ten algo de película inacabada, e non porque ofreza imprecisións ou flocos, senón porque é un relato aberto a recantos non dobrados do escenario por onde discorre ese mínimo relato.


O que o director de “Zamán, o home dos xuncos”, Amer Alwan, nos pon con transparencia, eficacia e bo oficio ante os ollos é unha delicada aventura individual construída de maneira que pouco a pouco adquira lóxica de documento lírico, de poema verista: o estudo interior dunha alma ou, se se quere, a indagación dun estado de espírito. Nesa terra, hoxe identificable como borde do inferno deste mundo, seguen sendo visibles os signos primordiais do orgullo humano e da súa alegría de vivir.
E os rostros das súas xentes, o debuxo dos seus comportamentos, o drama da súa supervivencia, fanse cuestións arrincadas dunha cultura frondosa, rica e complexa, sobre a que peregrina o personaxe Zamán (e con el nós) por itinerarios da verdadeira vida iraquí, que non é a que hoxe recollen os noticiarios dos días da besta; non é a crónica da devastación e a morte, senón outra, esta.
Amer Alwan rodou a película en Iraq meses antes da invasión americana, e tivo que filmar en vídeo porque o negativo cinematográfico está prohibido nese país desde que a ONU e EE.UU. decretaron o embargo contra Iraq, por considerar que a película virxe é material químico susceptible de ser utilizado como armas.

Te puede interesar