Opinión

Gran observador

Xa durmirei cando estea morto, contestaba o director Fassbinder cando os seus amigos lle pedían que acompasara o seu frenético ritmo de vida, deixara de traballar, se tomara un descanso e puxera fin ó desmedido consumo de drogas e alcohol que acompañaban o seu día a día. Desgraciadamente as súas palabras fixéronse realidade axiña. Morreu ós 37 anos de idade, pero deixou tras de si máis dunha vintena de películas, series e longametraxes para a televisión, e diversos documentais que renovaron completamente o panorama cinematográfico alemán nos anos 70. Títulos imprescindibles como “Todos nos chamamos Alí”, “O matrimonio de María Braun” ou “As amargas lágrimas de Petra Von Kant”, entre outras.

Rainer Werner Fassbinder naceu nunha familia de clase media de Baviera en 1945. O seu pai era médico e a súa nai tradutora. Desde moi pequeno as salas de cine convertéronse no seu refuxio e case no seu segundo fogar, xa que alí o mandaba a nai cando tiña que traballar. Estudou teatro a mediados dos 60 e, sobre os escenarios, aprendeu a manexar os distintos campos da arte dramática: a escritura, a produción e a dirección de actores.

Nas súas películas Fassbinder fai un certeiro retrato das distintas clases sociais da Alemaña da posguerra. Convértese tamén nun gran observador do universo feminino grazas ó traballo de intérpretes como Hanna Schygulla ou Barbra Sukowa, dúas das súas actrices fetiche. Renova así mesmo o concepto tradicional do melodrama con historias cheas de dor e de paixón, pero presentadas dunha forma fría e distante, intentando non manipular sentimentalmente ó espectador. Nos seus argumentos abundan personaxes que sofren crise de identidade, algo que, por outra parte, a el mesmo lle ocorría.

O 10 de xuño de 1982 atopárono morto na súa casa, vítima dunha mestura letal de cocaína e somníferos. Á súa beira, un guión sobre a vida de Rosa Luxemburgo no que estaba traballando. Unha morte que resume tráxicamente o que foi toda a súa vida: unha paixón desenfreada por contar historias e levalas ó cine. 

Te puede interesar