Opinión

Incisiva película

Aproveitando que xa saíron as películas premiadas desta 26 edición do Festival de Cine de Ourense; aproveitando que mañá, domingo, tales películas premiadas proxectaranse de novo no Teatro Principal (polo que aínda tedes opción de ir correndiño a velas) e aproveitando que esta será a última columna cinematográfica desta Claqueta, que mellor ocasión, que mellor momento que falar precisamente da que levou o premio máis grande, máis importante, ou sexa, a Calpurnia. Así tamén vos dou unha idea de se podedes ir ou non vela, de se mereceu ou non mereceu tal honor. Sen falar aínda nada dela, xa o adianto: podedes ir vela, é máis, deberiades ir vela porque é boa e porque, realmente, foi merecente de tal palmarés.

Por aproveitar ata se pode aproveitar o detalle de que hai... nada, catro días, que empezaron os colexios e nestes acontece o que temen moitos pais e o que sofren moitos rapaces: o maldito acoso escolar (négome a usar a palabra inglesa). Porque “Playground” (2021), a película belga que acadou a gran Calpurnia, vai sobre iso, sobre o acoso escolar. A primeira longametraxe de Laura Wandel está filmada á altura dos ollos dos nenos e é unha fina, emocionante e incisiva película que impresiona pola súa notable intensidade.

O patio da escola, do colexio, do recreo é, para algúns nenos, o momento máis agradable de toda a xornada. Para algúns. Porque para outros é un verdadeiro pesadelo. “Playground” fai dese patio un campo de batalla. Nese lugar, afastados da vixilancia educativa, os rapaces poden xogar e divertirse e entreterse pero tamén poden cometer e ser vítimas das máis brutais atrocidades.

A pequena Nora descobre a escola, o barullo dese patio, as regras, a escritura, as clases de natación e a necesidade de facer amigos, na compaña do seu irmán maior, Abel. Pero axiña será el o que teña problemas, acosado por rapaces máis grandes. Ela quere axudalo e el quere que se aparte, porque canto máis o axuda, máis se meten con el. Filme cunha forza incrible, onde cada ollada e cada ruxerruxe da protagonista supón unha auténtica dimensión emocional para o espectador.

Te puede interesar