Opinión

Presumo do 2016

Segue sendo lei de vida. O de buscarlle tres pés ó gato cando rematamos un ano, é dicir, e falando cinematograficamente, o de buscar estatísticas para que nos animemos ou para que nos desilusionemos. Eu, sinceramente, co cine non me desilusionarei nunca, nin tan sequera con aquelas películas malas, porque sei que se puxo toda a vontade nela, todo un esforzo e toda a ansiedade. Só iso xa é digno de admirar. Sen máis, vaiamos xa co típico resumo anual con respecto ás estreas cinematográficas en Ourense, e, un ano máis salientando que non meto aquí os filmes que se proxectaron no Festival de Cine de Ourense.

Desde que empecei a facer estes resumos anuais creo que foi o ano 2011 onde máis películas se viron na nosa cidade: 143. Os seguintes anos baixaron, algúns incluso unha barbaridade. Pois ben, este ano pasado acabamos de bater unha nova marca: estreáronse 145.

No mes de xaneiro apareceron nas pantallas da Ponte Vella 15 filmes, entre os que cabe destacar “Spotlight” polos seus nomeamentos ós Oscar e “Os odiosos oito”, do sempre sorprendente Tarantino. No febreiro foron 12 os que se estrearon, entre eles, “O renacido”, de Iñárruti e con DiCaprio, e “A verdade doe”, con Will Smith. Houbo 10 estreas no mes de marzo, a salientar “Cen anos de perdón”, de Daniel Calparsoro e con Luis Tosar, e tamén, polo espectáculo, “Batman vs. Superman”. En abril, 14 estreas, entre elas a de Pedro Almodóvar “Julieta” e “Capitán América: Civil War”. O mes das flores deixounos 11 estreas, con dúas tamén dignas de mención: “A oliveira”, de Icíar Bollaín e “X-Men: Apocalipse”. O mes de xuño foi o de menos estreas de todo o ano, só 8. En xullo foron 14, con tres das chamadas “comerciais”: “Independence Day: Contraataque”, “Ice Age: O gran cataclismo” e “Jason Bourne”. No agosto caeron 12 (Woody Allen con “Café Society”). No setembro, máximo de estreas: 16. No outubro, novembro e decembro, os tres, con 11 estreas (non destaco filmes porque, como vedes, non hai espazo)

Te puede interesar