Opinión

O primeiro indicio das novenas

En Baños de Molgas o primeiro indicio da celebración das novenas no santuario da Nosa Señora dos Milagres acaecía xa algunhas semanas antes do 30 de agosto, e non polos carteis que así pregoaban tal acontecemento, nin polo coñecemento dos propios veciños (creo que estes, ó rematar as novenas de cada ano, xa estaban pensando nas do ano seguinte), senón polas ducias de camións de terra que cruzaban a vila cara á estrada ou, naqueles tempos, pista que vai desde a vila molguesa ata Os Milagres.

Esa estrada ou pista, nos anos 60, non estaba, por suposto, asfaltada; e isto significaba que todos os invernos ou primaveras, cada vez que había unha chea do río Arnoia (e habíaa e haina todos os anos), a auga limpaba de tal maneira a estrada desde a ponte das Cabras ou ponte do Medo ata a propia vila, que os coios asomaban a moreas e tan afiados que mesmo as propias vacas construían os seus propios carreiros para evitar as dores nos seus pezuños. E onde non había coios, formábanse grandes buracos que facían imposible a circulación (por certo, a circulación nesa década era bastante escasa, pois case se podían contar cos dedos das mans os coches que pasaban con dirección ós Milagres), polo que ano tras ano o concello empezaba co ritual de preparar a pista cada vez que estaban a piques de empezar as novenas e a base de camións e camións de terra. Agora xa hai moitos anos que se lle botou cemento ó cacho máis castigado e o resto asfaltouse, e que eu recorde, non se lle volveu tocar.

Pero ir ás novenas os primeiros días, despois do “lavado de cara” da estrada, era botarse de cabeza a unha poeira molesta e porca, porque, aínda que, como dicía, había poucos coches, algún sempre pasaba e cando o facía xa podedes imaxinar o panorama. Imaxinade tamén o panorama se se lle daba por chover durante uns días... evitaríase a poeira, pero o bulleiro facíase dono e señor da peregrinación ó santuario. Porque naqueles tempos, a maioría, a inmensa maioría trasladábase a pé desde calquera punto da contorna ata o alto do monte Medo. 

Algúns é certo que botaban man dalgunha moto ou dalgunha bicicleta, aínda que o transporte maioritario (fóra, por suposto, do coche de san Fernando, un pouquiño a pé e outro pouquiño andando) eran os burros. E aproveitando o arranxo desa estrada e doutras estradas da contorna, mañá falarei desa xente que ía descalza ata Os Milagres.

Te puede interesar