Opinión

Sabe a sabido

O director Woody Allen sábeas todas sobre si mesmo e a súa paisaxe íntima de Manhattan. Todo o demais (2003) é un retorno ó principio, ós cementos desa paisaxe íntima, fundidos no instante fundacional de Annie Hal. Allen sabe que este vello filme é xa unha lenda e que non é posible (nin sequera el, que a inventou) desacralizala. A célebre película é xa máis que celuloide, é asfalto neoiorquino; e Allen rescata o seu alento dando un rodeo, trazando arredor dela un rizo cheo de baleiro, como o de Todo o demais, un circunloquio arredor de nada.

Dentro do filme choutan sal- picaduras do oficio cómico de Allen, pero a fertilidade da súa inventiva cédelle esta vez terreo á rutina e o novo filme sabe a sabido xa, a xa visto. O inefable toque misóxino de Allen deriva en Todo o demais cara a un basto golpe misóxino. O trazo groso ocupa o lugar do trazo invisible na galería de retratos do lado feminino de Todo o demais, de maneira que Cristina Ricci e a súa nai Stockard Channing ofrecen un dúo de mulleres tan baleiras e insoportables que poñen en interdito non só a solidez do personaxe que as aguanta (Jason Biggs, que di cousas listas, pero que se comporta coma un imbécil), senón tamén, e é o máis grave, a verdade do filme.

O debuxo de ambas mulleres peca, ata case a caricatura, de esquematismo. Isto funcionaría nunha farsa, pero non funciona nunha comedia que, para máis aquel, non vai de espenuxada, de louca, senón de serena, equilibrada, suave e seria; e é efectivamente seria na outra beira daqueles dous irreais borróns de sombras de muller; é dicir, no lado masculino do xogo a que xogan con, estes si, verdadeira orixinalidade e graza Woody Allen (que resucita o autorretrato irónico que esculpiu en Annie Hall e outras obras da súa época de forxa) e o seu alter ego Jason Riggs, que compoñen un precioso gag sostido e inesgotable: o dun vello escritor neoiorquino de volta de todo que instrúe a unha moza colega na arte do fracaso. O filme cativa, engaiola a cachos e decepciona como conxunto. Pero aínda así é unha película de Woody Allen. 

Te puede interesar