Opinión

Os novos aparellos multimedia

No lugar que chaman o berce da Ribeira Sacra, en Parada de Sil, un recuncho onde a natureza se viste de encanto enmeigado, vive un vello, o Tranca, que presume do dominio do carallo, dispensando. 'De cando neno –gústalle ó vello lembrar os tempos esvaecidos da súa infancia, tempos preguiceiros de centeo, de touciño, do leite mazado e de ‘cala e ponte teso’– primeiro eran as vacas, que había que botalas para o monte e, se quedaba tempo, a escola, así que só deprendín o galego de afalarlle á Castaña e mais á Rubia, xa que logo dende mozo non atino, como Deus manda, cómo casar as ideas do no meu caletre coas palabras, véndome na obriga de encher os ocos da cadea da fala coas reviravoltas do 'carallo', con perdón, como imos ver axiña na conversa co meu neto, o Pispilete de Madrid, que está decotío nos biosbardos, dálle que dálle, coma un pardal picando no gran o día da malla, cos dedos nerviosos no teclado do 'Whatsapp' do teléfono novo do trinque, un LG L3 E400, 3G, nada que ver comigo, o neno da casa dos Trancas, que me tocara xogar co número sete, o máis miudiño da recua de rapaces que lle encargara o meu pai a miña nai, disque pareciamos a escala musical cos intervalos dun ano, gustoso eu de compartir cos meus irmáns máis grandes os xogos de habilidade co manexo do pau da billarda ou apuntando coas bolas no cu dunha buraca ou, mesmo, agatuñar polo toro dun carballo á procura dos niños de paxaros, e así…, que podería estar a falarche desto e máis de aquilo todo o santo día”.

–Ese chisme tamén sirve para chamar? –preguntoulle o vello.

–Pois claro, é un móbil '3G Android'! –contestoulle o neto sen erguer os ollos do enxeño multimedia.

–Róncalle o carallo! –exclamou o vello coa retranca de seu.

–Fino e lindo coma un espello: pantalla táctil, cámara 3Mpx, WiFi… –tratou de explicarlle os avances das novas tecnoloxías, sen deixar de picar no teclado 'Whatsapp'.

–Dálle, carallo, dálle…! –animouno o vello.

–As aplicacións non deixan a un pampo, porén por agora abondan: 'SmartWorld', 'Google Talk', Imagenio…

–Se é aplicado e con xenio, debe ser un teléfono de moito carallo, non?

–Certo, avó, malia á súa memoria ram: co 'Skype' aberto, non podes entrar no 'play Store'; de navegar por 'Tuenti', coa galería 'full', non te deixa abrir o 'link' doutro portelo.

–Ten carallo a cousa, estás a estrear a máquina e xa dis que ten a memoria rancia, que non pode navegar con máis de vinte e que xa está fodido, e logo entón...?

–Avó, que Tuenti é unha rede social –díxolle o neto con agarimo compasivo.

–Déixate de caralladas, neno, unha rede é unha rede, de fíos de cáñamo ou de fibra sintética para pescar os peixes, eiquí e mais en Pekín.

–O 'Bluetooth', para as conexións sen fíos, vén acochado nas ferramentas…

–Para, non sigas! Cala xa co demo do 'blutu' ese!, que estou hasta o mesmo carallo de escoitar tanta leria, agora mesmo pega no sacho do sitio das ferramentas de debaixo da escaleira e vaime tornar a auga ó lameiro do Roxodoiro: veña, move ese cu!

–Pero, avó

–Nin avó, nin carallo, nin nada!

O neno de Madrid, malia de ser listo coma un allo, como di o outro: tocouse o carallo.

Te puede interesar