Opinión

A partícula de Deus

Ohome, despois de percorrer longas e escuras eras de vida na terra, sobrevivindo mal como puido, ó frío e depredadores, chegou por fin a gozar a corpo de rei nunha polis con auga corrente nas ágoras e acudindo ó teatro, á tardiña. Coa especialización do traballo, sacou tempo de lecer para o desenrolo das artes e inventar a democracia; e mesmo, para escoitar o seu interior, mentres ollaba deitado cara ó ceo nas noites claras do sur, noites de luar, curioso e marabillado polos debuxos das constelacións que están a titilar na bóveda do firmamento: matinando mitos, como montar nun cabalo alado, no pegaso, e ascender cara ó ceo co gallo de botarlle un berro ó demiúrgo do cosmos: Hai alguén por ai…?

Mailas preguntas dos filósofos, amantes da Sabedoría, ousadas criaturas, non atoparon interlocutor por ningures ás súas preguntas, perturbando o equilibrio do espazo infinito, coma se guindaren unha pedra á quietude dun lago que, de cotío, protesta sacudíndose nunha serie de ondas, espalladas en círculos concéntricos sucesivos, devolvendo a pregunta indiscreta á orela, pois a preguntas loucas, orella moucas, quedando de novo as augas sosegadas. Entón, xurdiron as teorías filosóficas á procura da orixe ou principio da materia: que si o fogo, que si a auga, o ar, o átomo; mais, outros sabios, máis prudentes non deron creto a ningunha delas: Canto máis sei, máis ignoro; só sei que non sei nada, dicían os agnósticos.

Foron os poetas helenos, como Homero, os que souberon glosar os mitos para daren unha saída ás inquietudes do ser humano; respostas que, malia de naceren cun selo máxico, cubrían por entón as necesidades pobo heleno de entón.

Século tras século, o home foi á procura dunha explicación total e definitiva da orixe do Universo. A hipótese da existencia da partícula másica, nomeada Bosón de Higgs, estivo nas palestras dos anos 60, considerándose a posibilidade de verificala nun experimento científico, xurdindo o desenrolo do Gran Colisionador de Hadróns (LHC) no CERN de Genève.

Trala boa nova da confirmación da existencia do Bosón de Higgs, a partícula de Deus, o ano pasado, publicada na prestixiosa revista Science, equipos de científicos de partículas de varias nacionalidades, os máis destacados: Higgs, Englert e Brout (xa finado), serán homenaxeados co Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica y Técnica 2013, noticia que recolleu La Región.

Te puede interesar