Opinión

OS SOCALCOS DA RIBEIRA DO SIL

Socalco, do latín: sub calce; que está debajo de lo que se pisa, se calca o se cultiva, di o pai Sarmiento, que de cepas sabía abondo; os socalcos do alto Douro, viños do Porto, son Patrimonio da Humanidade; na ribeira do Sil, reciben o nome de pataos, valados de pedra que se ergueron, os máis antigos na época dos romanos, para conteren a terra pendente das viñas nas dúas bandas do Sil e mais do Miño: viticultura heroica que se di.


As augas do Sil, rebuldeiras, foron afondando o seu leito nun canón, mentres as abas ían medrando cara arriba; terras deitadas en bancais, bendicidas cun clima oceánico benigno, engaiolaron ós celtas: nas partes altas das ribeiras, medraban os carballos, venerados polos druídas; nas ladeiras, os terreos para o cultivo. As estampas dos socalcos enchen os ollos, como antes alegraban os viños Amandi o triclinium dos patricios romanos.


As vistas dende o Souto Chao, en Doade, deixan a un pampo: un engúrrase ante tanta beleza, malia de ser un home varudo capaz de dobregar esta natureza quebrada e retorcida, que os nosos devanceiros ribeiraos foron moldeando para a viticultura, coséndoa con socalcos, pedra sobre pedra, ó redor da cintura para non perder as enaguas no escorregar das augas. Ó pé do miradoiro brota unha fonde de ninfas lavandeiras; no picouto, érguese o carreteiro, cargado ó seu lombo unha saba debaixo dun cesto para carrexar as uvas: intrahistoria de homes pequenos apandando con cestos culeiros; formiguiñas, que pouco a pouco, achegaban o froito ós seus lares, terra pobre de adegas ricas e xente nobre.


Hai unha adega na ribeira do Sil, na Barxa, que elabora un viño cos matices dun harmonioso acorde, o Arpexo, que madurou colgado nos pentagramas, que son os pataos da ribeira sacra de Parada de Sil. Onte, para cear cuns amigos alegrounos a festa. Un dos convidados, violín da Orquestra Nacional, de vacacións en Augas Santas, contaba na sobremesa, que un mediodía, que baixaba a coller o catamarán no embarcadoiro da ponte de Paradela, vira saír a San Amaro da capela de Souto Chao, cantaruxando unhas lerias polifónicas, mentres movía unha póla delgadiña de castiñeiro, que lle servía de batuta. Subido nunha pena, despois dun toque de atención, fixo que soara unha marabillosa melodía: nas gradas do escenario aberto exhalaban sons de cores brancos e negros; nas liñas de socalcos, coa partitura espallada, pendían as notas negras de mencía e mailas brancas de godello; ademais das finas e pasadías corcheas de treixadura, aparecían salpicados os silencios de escaleiriñas que rubían cortando os pentagramas. As folliñas verdes e ocres movían os ventos allegro, adagio, allegro da batuta do santo: contrapunto da mencía solista, acompañada do baixo godello, fronte o resto da orquestra que lle seguía cun son xordo de eco imitador: música de contrastes barrocos, sonada partitura do prete rosso, Vivaldi, que seica mollaba a palleta, mentres debuxaba notas de primavera.

Te puede interesar