Opinión

Bieite

Dicir dun ilustrado, a natureza favoreceu a Bieite cunha das situacións máis fermosas e pintorescas de Galicia; e eu, que coñezo ben Bieite, de alí era a miña aboa materna e por alí andan perdidas algunhas propiedades familiares, comparto a opinión do ilustrado. En pleno Ribeiro, erguida sobre a soleada ladeira que baixa do coto de Santa Elena, domina coa vista gran parte do ameno e virxiliano val do Avia: o das aldeas repartidas polos outeiros, o das veigas á beira do río, o das viñas rubindo polas costeiras e o dos piñeirais coroando os cotos. Certo que Bieite viviu tempos mellores, coma a maioría das parroquias do rural: dos catrocentos habitantes que tiña nos anos sesenta caeu hoxe a pouco máis dun cento, amosando o triste escenario de barrios deshabitados, casas abandonadas e terras ermas que todos coñecemos. Con todo, conserva Bieite unha das mellores festas do Ribeiro: a da Santa Elena, unha festa que mestura na miña memoria o arrecendo dos pementos fritidos e das pavías de Portolodeiro, cos sons dos Chicos del Jazz, da Bellas Farto, dos Satélites..., e coas primeiras incursións adolescentes na busca da túrxida sensualidade das rapazas en flor. En tempos, no Ribeiro, como festa campestre, á Santa Elena só lle facía sombra o San Pedro de Leiro, pero agora ata o supera. E que uns corenta veciños poidan contratar as atraccións musicais que contratan, ano tras ano, danos unha idea da forza da tradición nas nosas xentes: para o bo e para o malo.

Hai anos que non vou á Santa Elena, pero vexo os programas e xogo a lotería da festa. E hai algo que non me gusta: sempre escriben Vieite en vez de Bieite, que sería o correcto. Teño preguntado e a resposta adoita sela mesma: “Foi así toda a vida. Sempre se escribiu Vieite”.

Aquí residen dous erros moi comúns: un, pensar que a vida dun, se acaso sumada coa dos antepasados próximos, é “toda a vida”; dous, considerar que todo o que se vén facendo por costume está ben feito.

É certo que desde mediados do século XIX o nome de Bieite adoitaba aparecer nos rexistros como Vieite, pero antes xa figurara Bieite. Hai que considerar que a primeira noticia desta poboación data do ano 928, nada menos, e fala da villa Benedicti, é dicir, da vila de Benedictus. Do latín Benedicti, coas regras evolutivas do galego, veu Bieite –forma que xa documentamos en 1272-, o mesmo que de Benedictum veu o galego Bieito ou o castelán Benito. Polo tanto, escribindo Vieite cométese o mesmo erro ortográfico ca se escribísemos Vieito ou Venito. Por iso o Nomenclátor de Galicia rexistra Bieite, a forma que se debe usar. A diferenza doutros casos dubidosos, non cabe aquí rebeldía algunha, só terquedade ou ignorancia. Aínda así, o realmente grave é ver escrito Vieite na sinaléctica, tanto da poboación coma da estrada; porque as autoridades competentes non poden alegar descoñecemento do Nomenclátor, mentres que, deste xeito, incumpren a legalidade e inducen o erro dos veciños.

Releo o que escribía don Abelardo Moralejo en 1977 so- bre a grafía dos topónimos galegos, en Toponimia Gallega y Leonesa, e congratúlome do moito que temos avanzado: xa non resultan comúns os Puebla de Trives, Puenteareas, Mellid, Orense, Caldas de Reyes..., daquela de uso maio- ritario; e iso a pesar de nefandos episodios puntuais coma o da inventio de Desván de los Monjes, por obra e graza do anterior Conselleiro de Cultura, ou o da reiterada negativa do Presidente do Goberno de España, que é galego, a dicir Soutomaior. Pero quedan cousiñas: San Lorenzo, San Félix, Villaverde... aínda os vin eu en anuncios festeiros deste verán.

Te puede interesar