Opinión

“Damnatio memoriae”

A política está alterada. A abundancia de palabras grosas, exabruptos e “ti máis” imposibilitan os diálogos que deberían buscar solucións aos problemas da sociedade. Hoxe parece imposible practicar a cultura do acordo, constatándose unha melé permanente que mestura golpes azuis e vermellos, morados e verdes, ou os que se propinan o centro xeográfico e as periferias. Nada semella factible se non é ás malas, sen a paciencia necesaria para que a historia sitúe a cada quen no seu lugar. Tanto é así que existe un absoluto desacordo social sobre se gobernantes benefician ou prexudican a sociedade mesma, comportándonos nós mesmos, os cidadáns, máis como “hooligans” das cores partidarias, que como cívicos sustentadores da democracia.

Coñécense na antigüidade accións públicas para reprobar a gobernantes considerados prexudiciais para o Estado. Na antiga Roma existían costumes moi contundentes para castigalos. Unha delas, que por deshonrosa era máis dura ca morte, foi a “damnatio memoriae”, a condena ao total esquecemento. Non se sabe con exactitude o número de emperadores que sufriron tal medida, aínda que se estima que polo menos puideron ser uns trinta. Algún son vellos coñecidos seus, porque incluso chegaron a formar parte de relatos lendarios, mesmo por riba das interpretacións históricas. Sería o caso de Calígula e Nerón, aínda que de certo tamén lles soarán os excesos de Cómodo, Diocleciano ou Maxencio, aínda que só sexa polo tratamento que a algúns deles lle deron os primeiros historiadores cristiáns, caso do apoloxista Firmiano Lactancio. E non se coñece con exactitude o número de emperadores “damnificados” porque, como afirma o investigador Alfonso Castro Saenz, a damnatio non foi recollida nas leis ata momentos tardíos, se non que consistía nunha disposición ou decreto extraordinario do Senado despois da morte dos emperadores que se consideraron nocivos para Roma. Un dos efectos desas medidas de borrado da memoria consistía na eliminación da efixie e da denominación do damnificado: piqueteado de epígrafes cos seus nomes, raspado de moedas, decapitación ou borrado das caras das estatuas imperiais incluso. como veremos nun caso moi próximo para nós, a destrución total das mesmas.

Permítanme que lles fale de dous exemplos moi achegados a Ourense. Os dous teñen que ver co mesmo personaxe: o emperador Domiciano. Un consiste nun achado no xacemento de “Aquis Querquennis”, campamento romano situado cerca de Porto Quintela, en Bande, onde apareceron uns restos moi interesantes que seguramente teñen relación con este asunto. As escavacións que está a realizar realizadas o equipo de Antonio Rodríguez Colmenero exhumaron varios fragmentos dunha estatua de bronce, o que non é habitual. Máis aínda, porque o lugar onde apareceron sorprendeu aos escavadores: o interior dunha cisterna no patio que separaba un grupo de barracóns da tropa. O campamento fora erixido polos emperadores flavios –Vespasiano, Tito e Domiciano- para dar apoio loxístico á construción da Vía XVIII, que unía as cidades Brácara e Astúrica polo interior da actual nosa provincia actual. A “peza do mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense de decembro de 2010, presentada polo director da institución, Xulio Rodríguez González, fai referencia ao asunto. Efectivamente, a aparición nunha cisterna e que Domiciano fose o único emperador flavio condenado ao esquecemento polo senado, condúceo a identificar os restos como pertencentes a unha estatua con el, que gobernou entre o 81 e o 96 d. de C. O outro exemplo ten que ver coa inscrición conmemorativa existente na ponte romana de Chaves, a romana “Aqvae Flaviae”. Ao seu carón, no leito do Támega, apareceu unha columna conmemorativa chamada “Padrão dos Povos”, na que aparecen os nomes de varios pobos galaicos da Gallaecia bracarense, así como varias autoridades romanas, especialmente os emperadores Vespasiano, Tito e, orixinalmente, Domiciano, porque existe o acordo en atribuír un espazo repicado no texto ao borrado do seu nome.

Por fortuna, a lembranza é poderosa, prevéndonos do esquecemento para preservar os recordos históricos de todo o pasado, os feitos positivos para a humanidade e os tráxicos. Lembrar os tiranos sempre é unha lección, que serve para afrontar un futuro sen caer en sucesos que non é aconsellable repetir.

Te puede interesar