Opinión

Un sestercio nos premios Mercurio

No ano 2015, a Federación de Comercio de Ourense instaurou os premios Mercurio, un recoñecemento público aos comerciantes máis destacados da nosa cidade e da provincia. O nome do galardón non puido ser máis apropiado, porque o deste deus romano, Mercurio, asimilable ao grego Hermes, provén de “merx”, raíz de palabras como mercancía, mercado ou mercar. E como non, tamén de comercio. Antes da entrega, Enrique García Boente contactou comigo para colaborar no deseño do trofeo que se lle ía entregar aos comerciantes que seleccionou o xurado. El xa viña cunha idea para esbozalo. Quería unha moeda que procedese das escavacións realizadas en Ourense. Pareceume, sen ningunha dúbida, unha proposta excelente.

Entre as que se atoparon, considerei axeitado unha que fose de uso común e cotián e que tivese un estado de conservación aceptable para reproducila. Así, optei por un sestercio do emperador Marco Aurelio -Marcus Aurelius Antoninus Augustus- exhumada no solar do Pompeo (patio do IES Otero Pedrayo) en 1997, durante as escavacións arqueolóxicas que dirixiu Celso Rodríguez Cao. Aínda que na cidade e na provincia teñen aparecido moedas con máis valor e troqueladas con materiais nobres, quixen visualizar un elemento de intercambio, de comercio, que estivese ao alcance da maioría dos habitantes do imperio para realizar as transaccións necesarias no día a día. Ademais acuñouse en homenaxe ao “emperador filósofo” Marco Aurelio. A moeda en cuestión, denominada “gran bronce” e coa inscrición DIVVSMAN / TONINVSPIVS no anverso, foi acuñada en Roma, posiblemente no ano 180 d. C. A data pódese deducir da escena que aparece no reverso, unha pira funeraria de catro pisos con estatuas, e que pode facer referencia aos funerais do emperador. Vén acompañada por dúas letras. Unha non moi ben conservada, quizais S ou R, e outra que se le perfectamente: C (“consecratio”). A palabra Divus da inscrición parece responder a unha emisión monetaria de consagración do emperador defunto, mandada estampar polo seu sucesor Cómodo. O tamaño orixinal, moi aumentado na reprodución que se fixo para o trofeo, ten un diámetro de 39 mm. Tal medida, relativamente grande, é moi apreciada polos arqueólogos, porque permite gravar figuras e outras imaxes con gran detalle.

O sestercio equivale un céntimo de “áureo” e á cuarta parte dun “denario”, moedas de ouro e prata respectivamente. Simplificando as acuñacións daquela época, o resto eran de bronce, como o “sestercio” que agora nos ocupa, e o “dupondio”; de cobre era o “as”. Mais, cal era o valor práctico do sestercio que seleccionamos? Existe un documento para coñecer a relación entre prezos e salarios, aínda que se redactou un século máis tarde. Trátase do “Edictum de pretiis rerum venalium”, que promulgou en 301 o emperador Diocleciano. Indica o valor real e permite deducir o que poderiamos mercar cun sestercio. Así, un traballador agrícola cobraba 100 sestercios diarios; un carpinteiro e un albanel, 200. En canto a prezos orientativos de principios do século IV, un quilo de trigo custaba 46 sestercios; medio litro de viño, 120 e medio de aceite de oliva, 120. Para rematar, cóntolles que na celebración da primeira entrega dos premios, fun convidado para explicar o que agora lles contei. Mágoa que só se celebraran dúas edicións para homenaxear a un colectivo indispensable para a economía de Ourense.

Te puede interesar