Opinión

CINCUENTA ANOS CAMIÑANDO XUNTOS CA MISIÓN

Aparroquia de S. Pío X de Mariñamansa está de aniversario. 50 nada máis nin nada menos. Vodas de ouro para unha comunidade cristiá que se asenta, vive e celebra a vida e a fe neste barrio da cidade de Ourense. 50 anos para lembrar, agradecer, compartir ilusións e, sobre todo, apostar pola Boa Nova do Evanxeo. Camiñando xuntos? camiñando si, pero unidos co barrio, mirando á xente, unidos á igrexa diocesana e universal, acompañados polo agarimo de Deus.


Cincuenta anos camiñando xuntos con tantos e tantos misioneiros que son as mans de Xesús nas terras máis esquecidas e empobrecidas do mundo. Camiñando con Adolfo Zon na Amazonía do Brasil; con Raquel Vázquez Casanovas no corazón de África; cos irmáns Iribertegui na Amazonía venezolana? con eles porque teñen lazos especiais nesta parroquia. Camiñando con Manolo Rodicio e José Manuel en Jipijapa, no Ecuador, ou con Antonio en Zambia e tamén con tódolos misioneiros desta terra ourensán que seguen apostando polo soño dunha terra bendicida polo aloumiño do Deus do Evanxeo.


Porque dende este barrio humilde e traballador, xoven e dinámico queremos como crentes imaxinar a vida e a misión coma unha gran sinfonía onde se mesturan creativamente os silencios e os ritmos, a fe e a vida, o compromiso e a louvanza. Cincuenta anos para unha composición susceptible de ser interpretada polas voces do sur e do norte acompasados por aqueles que son unha fermosa batuta de Deus: os misioneiros.


Bendita partitura de vida!

Te puede interesar