Opinión

Caixas, a única saída

Durante estes meses houbo unha intensa polémica encol das caixas de aforro galegas, moi alentada polos poderes económicos e políticos dominantes de A Coruña e Vigo, e de sectores moi ligados a eles e coa cobertura cotiá e sesgada de importantes meios de comunicación das dúas principais cidades galegas. O resto do país, un 80% da povoación, ficou esquecida, sen voz, mesmo moitos ignoraron, por exemplo, que Ourense tamén ten parte dos servizos centrais de Caixanova. Este esquecemento non é unha novidade, semella as veces que tanto Vigo como A Coruña están máis ligadas co centro da península que co seu entorno, afortalando deste xeito o caracter periférico do país, e daquela a falla de interese por acadar un desenvolvemento sustentábel e rematar coa dependencia secular. Claro que isto non é o que quere a maioría da xente, as clases populares de ambas as cidades deron exemplo mil veces de conciencia galeguista e capacidade reivindicativa. Por certo, os grupos hexemónicos son en grande medida foráneos, abonda con analizar a composición do acionariado e directivos das principais empresas.


Hoxe as cartas comezan a estar todas sobre a mesa. As dúas caixas recoñecen que deben ir a unha unión entre elas ou con entidades de fóra de Galiza. Isto era así desde un principio porque é o marco que definiu o decreto 9/2009 (pactado entre o PP e o PSOE a nivel do Estado) e que foi afortalado polo Banco de España cando esixe un mínimo de 50 mil millóns de euros en depósitos. Caixanova non cumpre este último requisito. A proposta do SIP, unha unificación en frío, tería piores consecuencias sobre o emprego (por este motivo rexéitana as centrais sindicais) e asemade conduciría a fusión en pouco tempo, e obriga a uns servizos de xestión únicos. Se a SIP fora con entidades foráneas estes servizos ficarían nun lugar cun grande mercado financeiro, por exemplo Madrid. Lembremos que este sistema ideouse en Italia e serviu pra concentrar e privatizar.


A única saída pra garantir que as entidades sigan sendo públicas, e que teñamos en Galiza capacidade de control sobre a súa xestión, é que se leve adiante a unificación de Caixanova e Caixa Galicia. Isto asegura que a sociedade galega (a través da Xunta, concellos, empresarios, sindicatos...), poda incidir sobre as decisións, porén ademais que os prestamos, investimentos e a obra social teñan ao país como principal destinatario. Non é un tema menor ¡está en xogo a metade do aforro galego!. Por esta razón o BNG fixo a proposta de lei de caixas, que foi apoiada con algunhas modificacións polo PP galego. Despois dunha aceptación inicial o PSOE desmarcouse, nunha postura incomprensíbel e que na prática favorece a perda da galeguidade das caixas. Argumentar que unidas serán absorbidas en pouco tempo, pode ser certo se non se evita daquela, porén sen non se unen será unha triste realidade hoxe. Partir da derrota, non debe ser nunca a postura dun partido político que desexe defender os intereses do povo galego.


Por último, compre salientar que hai quen fala de que Vigo será prexudicado, outro tanto poderían dicir Ourense e Pontevedra cando se unificaron con Caixanova, porén o tempo demostrou que o resultado foi positivo. Resulta sospeitoso de que os que alentan o localismo rancio, como Caballero, esquécense de facer propostas pra garantir unha fusión equilibrada, manter os servizos centrais en Vigo, Coruña e Ourense, e conseguir que o emprego a amortizar sexa o menor posíbel e se faga por acordo cos representantes dos traballadores. Non será que o que xera inquedanza, en sectores económicos e dalgúns partidos, e membros das direcións das entidades, é perder parte do poder, e polo tanto capacidade pra aceder ou decidir sobre a concesión de créditos e a xestión da obra social?... En todo caso non se pode esquecer que hoxe estas son entidades sociais con pouco control público (eleición de cargos, representatividade, criterios de xestión, contas...). A situación á que chegaron as caixas son responsabilidade das direcións, por esquecer os obxectivos principais. Dicir que garantir a xestión social e servir prioritariamente ao país vai a arruinar as entidades, ademais de falso, é repetir erros coas receitas neoliberais.



Te puede interesar