Opinión

Os corenta mil 
galegos-as de Cuba

O que parece ser unha normalización das relacións entre Estados Unidos e Cuba fixo que saltasen as alarmas na Xunta de Galiza, e aínda máis nos empresarios do país, a fin de non ficar atrás na carreira por se facer un sitio na economía e no comercio exterior da illa. Agora ben, se cadra sexa moi apresurado dar por rematado o bloqueo, malia que se poda interpretar que isto suceda pola intervención de Obama. Unha cousa é abrir embaixadas e outra eliminar a presión contra o Governo cubano, máxime cos republicanos en contra e controlando ambas as cámaras do Congreso.

En calquera caso, pódese concluír que máis de medio século de bloqueo por parte do país máis poderoso do mundo e que ademais condicionaba as empresas dos seus aliados, rematou nun fracaso. Nen o bloqueo, nen as sabotaxes, acadaron o obxectivo de derrotar a vontade de soberanía dun país tan pequeno e con recursos minerais e enerxéticos tan limitados. Neste aspecto foi un triunfo de Cuba, e por extensión dos governos máis progresistas de América Latina.

A liberación dos tres últimos presos políticos cubanos (dos cinco iniciais), condenados a penas durísimas e inxustas nos Estados Unidos, por realizar labouras de intelixencia a fin de evitar actos terroristas da contra na illa, era de sentido común. A súa detención desacreditaba o Governo de Obama, que ademais está nas súas horas máis baixas de popularidade, tanto no interior como no resto do mundo. Tampouco se pode ignorar que Cuba conseguiu nesta década o arroupe da maioría dos países de América Latina, e a postura dos Estados Unidos, neste e outros temas, afastábao cada vez máis deste bloque, quedándolle só como medidas efectivas pra incidir na rexión o poder militar e económico. Pra abrir outra vía críbel, tiña que facer un aceno importante.

Esta posíbel mudanza de estratexia por parte de Washington deixou descolocada á Unión Europea, e sobre todo ao Estado español, e por suposto á Xunta, que é incapaz de deseñar calquera política propia. Pra Madrid non é un tema menor, pois como destacaron varios medios exporta á illa por valor de 800 millóns e importa por 200 millóns. En poucas palabras, Cuba xera emprego no Estado español. Non semella que este saldo tan positivo se poda manter se finaliza o bloqueo, por máis que medre o comercio coa illa. Primeiro, porque seguramente serán moitos os empresarios doutros países que invistan, tendo en consideración non só o mercado interno senón tamén o nivel técnico da man de obra, así como a súa proximidade aos consumidores de América Latina.

Todo fai pensar que moitos empresarios estarán afiando os dentes nesta altura, ollando en Cuba unha China en pequeno. Se cadra por esta razón, de súpeto a Núñez Feijóo entroulle unha preocupación tan grande polos 40.000 galegos/as residentes na illa. Porén, cómpre lembrarlle que se Cuba segue a estea chinesa (espero que non, cando menos no social) hai grupos económicos doutros países con maior presenza na illa, e con máis poder político pra negociar contrapartidas. Por outra banda, poucos son os galegos/as que hoxe viven en Cuba e de idade moi avanzada. Os 40.000 dos que fala Feijóo son descendentes, a maioría sen ningún vencello afectivo con Galiza como identidade colectiva específica, e que adquiriron a nacionalidade por pura conveniencia, por se deciden emigrar ao exterior. Tampouco se fixo moito durante o seu governo pra manter viva a inmensa relación histórica e cultural de Galiza coa illa e outros países da América Latina, que sempre sería un engadido de complicidade; mesmo houbo un recuar. Polo tanto neste aspecto, como en tantos outros, poderíase aplicar o refrán popular de: tarde piaches. Así se pagan os seguidismos, o non valorar o propio, o pensar que a cultura, a identidade, e a soberanía, son unha carga.

Te puede interesar