Opinión

Non hai cambio real sen mobilización

Toda viraxe que se dea a prol das clases subalternas é positiva. Daquela que non sexa igual que governe no Estado español a dereita, ou que o faga unha forza progresista no social, e que avance nos dereitos democráticos. Por exemplo, recoñecendo o carácter plurinacional do Estado e o dereito a decidir, e que realice unha reforma que converta as autonomías e nacionalidades en circunscrición electoral e aplique a proporcionalidade na representación. Un governo que elimine as deputacións, derrogue a lei mordaza e as reformas laborais do PSOE e PP, que se afaste da OTAN, e abra o debate sobre a permanencia na eurozona e na Unión Europea, que son estruturas antidemocráticas ao servizo das corporacións.

Agora ben, mesmo que os programas de governo falen de avances sociais e democráticos, neste contexto, as mudanzas reais serán moi inferiores aos cambios comprometidos. Será así porque os partidos desta posíbel coalición declaran todos aceptar as regras de xogo decididas na Unión Europea, aínda que non coincidan con elas e sexan negativas pras clases populares e determinados territorios. Polo que os cambios poden terminar sendo mínimos, insignificantes, tendo en consideración que a esta altura, a UE practicamente decide sobre o fundamental. Especialmente sobre os aspectos económicos, que son básicos no modelo de sociedade, xa que definen as relacións laborais, en sociedades onde a dependencia salarial é determinante, e consecuencia directa de lacras como a desigualdade, a pobreza e a marxinalidade.

A tendencia hexemónica, en todo o mundo, empurra no sentido de precarizar as relacións laborais e a reducir e privatizar as prestacións e servizos públicos. Esta evolución dáse mesmo naqueles estados onde existe un medre sostido do PIB, e malia que aumenten os salarios medios, polo que está a crecer a desigualdade social e territorial. Nunca tan poucos tiveron tanto. Os inmensos avances científico-técnicos non impediron que unha parte importante da clase traballadora choie horas a esgalla, a un ritmo insoportábel, e a temporalidade e o desemprego estrutural sexan masivos.

Dise que a culpa débese á globalización neoliberal (ou sexa o imperialismo capitalista). É verdade! Porén, o aspecto esencial está relacionado co feito de que beneficia ás corporacións e grandes fortunas. E estas contan co arroupe entusiasta dos poderes fácticos e dunha franxa importante da clase media acomodada, e de moitos/as que pretenden incorporarse a ela, porque pesa máis a cobiza que a xustiza, xa que tiran rédito persoal desta concentración e centralización da riqueza e do poder. A cultura de masas axuda neste aspecto. Ter cartos é o fundamental, importa menos como.

Non é doado mudar esta tendencia dominante. Mais tampouco é imposíbel, xa que o arela a maioría da sociedade en todos os recunchos do mundo. Trátase polo tanto de vencer a ofensiva regresiva no social e democrático da Unión Europea, das institucións internacionais, e das clases hexemónicas no Estado español. E pra iso non abonda cos votos, nen coa representación institucional, se non hai povo organizado e mobilizado a prol da ruptura democrática e de dar pulo ao sector público.

Pra avanzar, pra transformar a realidade, ante todo cómpre clarificar o proceso, que é o que está en xogo, e cal é o papel dos distintos suxeitos. Só así será posíbel unha folla de ruta axeitada pra mudar a correlación de forzas actual e construír un novo bloque histórico que dispute o poder. Claro que isto leva tempo, esixe esforzo. Daquela que sexan moitas as forzas que prefiren o camiño doado ofrecendo espellismos que permiten “tocar o ceo” só co voto. Esquecen (ou prefiren obviar) que a “nova política” non existe máis que como conxuntura. Ao final redúcese todo a ter poder económico ou poder popular.

Te puede interesar