Opinión

YPF, RAJOY SACA PEITO

OGoverno central, tan dócil fronte a Bruxelas, de súpeto saca peito e bota lóstregos e raios contra a nacionalización de YPF pola Arxentina. Calquera diría que esta medida ten máis graves consecuencias pra o povo que a forzada redución do déficit público, a rebaixa dos salarios e das prestacións sociais. En realidade afecta especialmente aos lucros das grandes fortunas e aos ingresos dos altos directivos da empresa e algúns bancos e construtoras que teñen investimentos nela, así como aos especuladores da Bolsa. O xeito de facer do PP e do PSOE é moi distinto se están no governo ou na oposición, porén neste caso vese claramente que tamén hai unha vara de medir diferente pra os grandes grupos económicos ou pras clases populares.


O Governo reaxeu deste xeito porque, ademais dos menores beneficios empresariais, perde incidencia interna na Arxentina. Ao que se suma o temor de que o proceso de independencia se consolide con novas nacionalizacións en sectores básicos (telefonía, banca, enerxía, transporte, etcétera) o que afectaría ao IBEX35 e á estratexia da gran empresa española. Preocúpalle asemade que esta tendencia, até fai pouco reducida ao ALBA, se amplíe a todos aqueles países que manteñen unha política menos radical, como Brasil.


Se o exemplo se estendese, a globalización neoliberal recibiría un gran golpe, algo que os grandes grupos económicos mundiais non poden permitir, porque nela se basea o inmenso medre da concentración e centralización da riqueza, a financiarización da economía, a privatización de todo tipo de actividade, mesmo a militar. O Governo español intenta polo tanto convencer deste hipotético perigo á Unión Europea e Estados Unidos, a fin de aumentar a presión sobre Bos Aires. Tamén ten un enorme valor estratéxico comprobar como responden os BRICS e a UNASUR, pra saber se pesan máis as súas ligazóns co capitalismo hexemónico ou co multilateralismo.


No fundo, aínda que se empreguen moitos subterfuxios, estamos máis unha vez diante do vello imperialismo, tanto da súa vertente económica como do exercicio do poder. Claro que a Arxentina non é un pequeno país, ten un enorme sentimento nacional, e pagou en carne propia (malia a súa riqueza potencial) as receitas neoliberais e a dependencia. A privatización e estranxeirización da telefonía, enerxía, banca, ferrocarrís, etc., é parte das décadas perdidas e dunha etapa sen futuro que o povo quere deixar atrás. Ademais, con políticas alternativas, de intervención pública, o país acadou un gran crecemento económico, baixou o desemprego, e mesmo nos últimos anos hai miles de galegas e galegos que chegan como emigrantes. Sobre isto pouco se di, parece que non lle interesa aos grandes partidos estatais, mesmo hai quen o considera unha solución, agochando que con cada emigrante denúnciase a incapacidade colectiva, o fracaso da Xunta e o carácter nefasto do proxecto das clases hexemónicas.


Mariano Rajoy afirmaba, cando estaba na oposición, que nunca ía permitir que a rusa Lukoil mercara o 30% de Repsol-YPF porque significaba converter ao Estado español nun país de quinta división, polo que tamén freou o intento da mexicana Pemex de aumentar a participación. Neste caso consideraba normal non respectar as regras da liberdade de mercado ¿por qué agora emprega outros criterios? Resulta evidente que na Arxentina existe desabastecemento de carburante, que Repsol obtivo inmensos lucros na última década e non fixo os investimentos necesarios pra manter a produción e refinamento (os dividendos chucharon o 90% dos beneficios). Hai quen pon no centro da disputa a nacionalización do importante xacemento de 'Vaca Muerta' en Neuquén; mais, aínda sendo así, reafirmaría o razoábel da postura arxentina. Todos estes aspectos, e o respecto pola soberanía daquel país, deberían ser os que centren o debate.

Te puede interesar