Opinión

PAN POR PAN

Homofobia. O Vaticano vén de engadir unha medalla máis de ignominia á súa recente historia. Que ten páxinas nada honrosas como os escándalos masivos en Estados Unidos polos cregos acusados de abusos sexuais ou a súa oposición ó emprego do preservativo, política que en lugares como o continente africano só pode contribuír a acentuar o xenocidio da SIDA. Pois ben, a Unión Europea, a través de Francia, vai presentar na ONU unha proposta para a despenalización universal da homosexualidade. Hai 90 países no mundo que condenan a homosexualidade con penas de cárcere, multas ou torturas: entre eles, a pena de morte nos Estados máis retrógrados como Arabia Saudí, Emiratos Árabes, Irán, Mauritania, Sudán, Iemen e norte de Nixeria. O Vaticano decide asociarse a estes países e ó integrismo islámico mesmo cando está a vida dos homosexuais condenados en xogo: ulo o famoso Dereito á Vida?

Te puede interesar