Opinión

Apunte de maio

No medio de tanta tormenta hai que buscar a luz dos días de sol. Todo flúe, muda, nada permanece: dicía Heráclito de Éfeso. Así, segundo esa teoría, ninguén se pode bañar dúas veces no mesmo río: non seriamos nós os mesmos, nin a auga sería a mesma. Nós, os de antes, xa non somos os mesmos, tamén anotou Pablo Neruda. Pero Antonio Machado, nun bolso da chaqueta que levaba posta cando lle veu a morte, tiña escrito este verso: /Estos días azules, este sol de la infancia/. Que son un soño real deses seus tempos.

Por iso: aínda que nada che pode devolver a hora do esplendor na herba, a gloria das flores, non debemos aflixirnos porque a beleza subsiste na lembranza, escribiu William wordsworth poeta británico. Dalgunha maneira, por moito que mudemos, a infancia é unha etapa que queda en nós de por vida. No paso do tempo imos agochando aquilo que por natureza nos veu dado nesa hora de excepción. O meniños de África, que teñen a tristeza da fame nos seus ollos, non apagan da súa boca o inocente sorriso da nenez. Sorriso que manteñen até que corazón lles deixa de latexar ante a grande hipocresía do mundo.

Nada reflicte mellor a nosa decadencia que ollar o espectáculo dunha farmacia – dixo Ciorán –. Nela todos os remedios desexables para cada un dos nosos males, pero ningún para o noso mal esencial. Para aquel do que ningunha invención nin ciencia feita pudo curarnos. Que mágoa non reflexionar e fuxir da barbarie que estamos sendo, tendo forzas en nós de aquilo que fomos para poder ser aínda outra cousa. Todo home, en percepción de Epicuro, sae desta vida como se hai pouco tivese nado. Habería que tomar debida nota diso. Ou é que fai falta ese sol dobre de Sartre para alumar o fondo da estupidez humana?

Te puede interesar