Opinión

UN NOVO POEMA DE MANUEL LUIS ACUÑA

Hoxe e mañá celébrase na Casa da Cultura de Trives o V Congreso Manuel Luis Acuña, poeta e mestre ourensán. Doulle as grazas aos entusiastas, competentes e infatigábeis organizadores destes congresos, ao coordinador, o profesor Xoán Carlos Domínguez Alberte, así como ao profesor Ramón Nicolás e ao vicedecano da Facultade de Educación do campus de Ourense, Xosé Manuel Cid. Mándolles a estes tres estudiosos da vida e obra de meu pai unha forte aperta, por todo o que fan tan xenerosamente encol da memoria histórica de este poeta de ideas avanzadas, como se dicía na época. Rescatáronno do intencionado olvido despois da Guerra Civil e convertironno desde fai uns anos nun poeta galego de culto; un único máis habelencioso poemario, 'Fírgoas', bastou para elo, pola súa sensibilidade, modernidade das imaxes e pola delicadeza dos seus versos.?Agradezo asimesmo a contribución desinteresada e desprendida das aportacions á enquisa que se fixo con motivo do V Congreso con respostas de Xosé-Luis Méndez-Ferrín, Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova, Fermín Bouza, Manuel Bragado, Anxo Tarrío, Xoan Carlos Domínguez Alberte, Ramón Nicolás, Xosé Manuel Cid e Xosé Carlos López Bernárdez.


Estos congresos convertéronse nunha cita bianual de relevancia do ensino en galego con relatorios de grande interese pedagóxico e cultural, celebrados na Pobra de Trives, onde, nun recoleto parque da vila campa un busto de Manuel Luis Acuña, a poucos kilómetros de Sobrado, onde naceu. Este ano interveñen non menos de 16 docentes e especialistas que transforman Trives por un día nun 'haut-lieu' da literatura galega. Clausura o V Congreso o sobranceiro ensaísta e escritor Xesús Alonso Montero, membro da Academia Galega e catedrático emérito de Literatura Galega, cunha conferencia arredor da 'Lingua e literatura galegas entre dous séculos'.


Vou rematar cunha fermosa cita cosmopolita de Castelao: 'Para nos, os galegos, afeitos a percorrer o mundo e a convivir con todalas razas, o nacionalismo racista é un delito e tamén un pecado'. Velaí un soberbio poema inédito e melancólico de MLA de grande calidade adicado á morte da sua nai, que apareceu entre vellos papéis e que pode ser unha novidade para adornar o V Congreso:




PARTÍU A SANTA




Partíu a santa!... / O sol, n-outrora roxo, / agora xa non quenta. / Xa non cantan / os paxaros no arvoredo / nin as pedras do camiño teñen alma. / A cobra do sendeiro / durmiuse amorriñada.


Xa non brincan os regatos barulleiros / do Loña e do Barbaña. / Nas agullas dos xuncos / enfríanse tristeiras as miñas añoranzas. / Xa non reza o vento amigo entre as sobreiras / nin diante nin se baixan, / para saludarme, / os pinos de Mende e da Rabaza.


O vento está furioso / e os arbres treman temendo sua venganza. / Xa non bulen os rapaces no recreio / nin choutan coma sempre suas palabras. / Caíu malo o Maestro / e a escola está calada.


Partíu a santa!... / As ruas están mortas, / nos casales hay un cheiro de mortaxa, / Ourense está de loito, / na Catedral a morto dobra unha campana. / Aboyan no ambente requiems mistereosos / ?e hai no meu peito ferverexar de bágoas.

Te puede interesar