Opinión

El desconocido

Dani de la Torre vén de presentar a súa primeira longametraxe, El desconocido, un thriller que paga a pena ver. De la Torre sabe manter a tensión ao longo de todo o filme. A trepidante montaña rusa na que se atopa inserido Carlos -Luís Tosar- consegue que esteamos, en todo momento, en estado de alerta. Devoramos pois cada secuencia con avidez, dende o intre no que o protagonista entra no coche, acompañado pola filla -a xove actriz Paula del Río, magnífica por certo- e o fillo -Marcos Sanz-, case até o final. É esa tensión angustiosa, que sobe e baixa no momento exacto, o máis loábel deste filme. Sen dúbida. A historia, cuxo guión é de Alberto Marini, si que pode parecer algo inverosímil nalgún momento, mais é xusto afirmar que, en xeral, resulta ben.

Nada que criticar na montaxe, nin na posta en escena, pois están perfectamente á altura, tanto do interesante estado de tensión ao que se nos somete como da interpretación de actores e actrices. Incuestionábel pois o traballo de Luís Tosar, que, máis unha vez, amosa esa forza interpretativa coa que nos ten atrapado en máis dunha ocasión. É necesario dicilo? Si, porque, despois de Malamadre, tiña un reto ben difícil. Non xa pola presión de se superar a si mesmo, mais polo de estar, como pouco, á altura. Conseguiuno. Tamén Elvira Minguez está fantástica ou Javier Gutiérrez, que perfila o personaxe con gran mestría e sabe implicarnos no seu resentimento.

Consegue isto non só pola cara de póker que pon a primeira vez que aparece en escena, ademais do seu posterior vis a vis con Tosar, mais polo retrato dese home desesperado, trazado xa dende o inicio coa única axuda da propia voz, escoitada a través do teléfono, algo claramente destacábel, malia esa vinganza un tanto peliculeira que ten de levar á practica. Iso si, o que hai nela de inverosímil non é responsabilidade do actor, mais dun guión, que, nalgúns intres faise un pouco frouxo. A sorpresa, conste, témola en Paula de Río, porque, malia a súa idade -é unha adolescente-, sabe darlle a réplica a Luís Tosar e sae airosa.

Creo pois que El desconocido é un deses filmes, insisto, que paga a pena ver. Dani de la Torre parece atoparse, efectivamente, en estado de gracia e non decepciona. Todo o contrario, sorprende e mesmo alegra un chisco a vida da cinefilia.

Te puede interesar