Opinión

Jet lag

Eloy Domínguez Serén forma parte desa xeración de cineastas galegos cuxos traballos ofrecen a contemplación do que sucede nun marco antipoético, que atopa na propia grisalla o seu maior interese. Escribo isto pensando, sobre todo, en Jet Lag, un filme documental no que Serén indaga no transcorrer do tempo nun espazo frío, solitario malia a proximidade da cidade. Un sitio de desafección, o non-lugar no que se cruzan persoas descoñecidas cuxa comunicación se basea unicamente en cuestións prácticas. Trátase dunha gasolineira, na que se observa con planos fixos o traballador enfastiado no seu hábitat. Eis o da “contemplación” que comentaba ao inicio do artigo. Quen goste do cinema tradicional, da acción trepidante, incluso do documental ao uso, mellor busque noutro lado.


Agora ben, se o que queremos é saborear algo distinto, Jet Lag é a proposta indicada. Do mesmo xeito que Antón Patiño se interesaba polo tempo da conciencia, isto é, pola duración, Domínguez Serén xoga tamén con esa percepción particular do que sucede, pola maneira en que todo semella acontecer en cámara lenta nas nosas cabezas, sempre en contraste co tempo real, o da noite de traballo rutineiro e cansado. Jet Lag, dá conta dunha vida común, onde as cousas simplemente suceden, sen ningún tipo de relevancia. Polo menos así será até a inesperada e insólita visita dun cineasta, o propio Eloy Domínguez, coa produtora Martínez. A partir de aí, o filme vira, en palabras de Serén, “cara ao azaroso e o accidentado, inducindo unha toma continua de decisións intuitivas, incertas, precipitadas polo fortuíto, condicionadas polo extrínseco, suxeitas permanentemente á anomalía”.


Hai polo tanto no documental de Eloy Domínguez un compoñente experimental ben interesante, que converte este traballo nunha pequena xoia. Talvez por iso pasara xa polo Festival de Sevilla, o Internacional de Cine de Navarra e mais polo FIDMarseille 2015, onde compite na categoría de Mellor Ópera Prima. Xunto con Ramiro Ledo -co seu revelador filme Vida Extra-, Marcos Nine -El viaje de Leslie, que puidemos disfrutar no Cineuropa do pasado novembro, en Compostela-, Patiño ou Iván Castiñeiras -A Raia-, Eloy Domínguez Serén (Simes, 1985) constitúe unha das olladas máis interesantes do cinema documental galego.

Te puede interesar