Opinión

Mutismo

O silencio é outra maneira distinta de comunicar, sen dúbida a última que adoitamos escoller para transmitir algo importante, algo que ten que ver co desgaste emocional e tamén co fastío. Tal sensación de esgotamento é inducida, quero dicir que non aparece así, de socato. En absoluto. Precisa de colaboración. Primeiro ten que haber alguén que poida enfastiarnos a conciencia, isto é, provocar incomodidade ou ira; despois sairanos fóra a carraxe, esa furia que non sabe nin entende de subterfuxios e, inevitabelmente, rifaremos, emperrencharémonos por facer valer a razón que, moi probabelmente, levamos. Abofé que si. Porén, mentres a ira sacode a nosa alma, non caemos na conta de que a persoa que nos acirrou está tranquilísima, satisfeita de termos amolado moito e ben. As razóns de porque o fai son moi simples, envexa e insatisfacción propia.


Ninguén que estea contento coa súa vida, máis ou menos, disfruta molestando a outra persoa, causándolle algún dano. Simplemente non é posíbel. Entón, resulta evidente que o xermolo radica na frustración da alma que nos ataca que, descontenta co que ten e iracunda polo que non pode obter, opera con sixilo, agardando o momento de febleza da vítima das súas invectivas. Faino para que esta sinta a súa dor, para que entenda polo que ten que pasar, para que a atenda, con atención exclusiva... Mais aquí, neste lugar onde vivimos, somos todas e todos, parte do mesmo asunto, desta materia de vivir que non se explica nos libros pero que debemos aprender, canto antes mellor. Sobre todo para evitar unha dor innecesaria que deriva, sempre, da ignorancia emocional, dun profundo descoñecemento de nós mesmos, de non saber comunicar o que queremos ou necesitamos, de acomodarnos, ancorados no pasado, mentres os que nos rodean evolucionan e aprenden.


E así, como dicía Manuel Antonio, sabio poeta, imos ficando’ sós... Para que isto non suceda, temos de aprender a xerar enerxía positiva ao noso redor, iso é evolucionar. Evoluciónase vivindo, dando e fíxándose moito, sen prexulgar. Daquela, os afectos mudan de forma e maniféstanse en liberdade. Sempre.


Por iso, os verdadeiros aprendices desta difícil arte de vivir, eses que van aprobando, aínda que sexa raspado, en xenerosidade, sutileza, compromiso e coherencia, elixen a harmonía, o bo rollo, a naturalidade. Se para iso hai que facer unha ponte e pasar por riba das miserias humanas, aínda que estas procedan de alguén que algún día quixemos moito, faise, por economía sentimental e saúde. Adiante.



Te puede interesar