Opinión

Os oito odiosos

Con banda sonora a cargo de Ennio Morricone (Roma, 1928), coñecido polas súas composicións, entre outras, para os filmes de Sergio Leone -Por un puñado de dólares, de 1964; A morte tiña un prezo, de 1965, e O bo, o feo e o malo, de 1966 ou Até que chegou a súa hora, de 1968- o de Roland Joffé, A misión, de 1986, ou tamén o de Terrence Malick, Días de ceo, de 1978, Quentin Tarantino conseguiu ese efecto retro que pretendía. Aos planos xerais que serven de inicio ao novo filme do singular director estadounidense, véñenlle como anel ao dedo esa música do italiano. A verdade é que si.

Do mesmo xeito, cómpre destacar a atmosfera espesa que ocupa as tres horas de metraxe. O resultado? Moi bo, obviamente. Iso si, con matices, pois, se ben pode recoñecerse a destreza na construción dun escenario teatral ou a narración en off, que subdivide ese relato en varios capítulos, alén dos diálogos, sempre singulares no cine de Tarantino -aínda que os ten bastante mellores, como aquela conversa final entre David Carradine, Bill, e Uma Thurman, a Mamba Negra, sobre os superherois e a súa orixe- e unha excelente interpretación, hai algo que chirría un pouco.

Daquela, se a historia é boa, se a estruturacion da mesma e os diálogos está ben, que chirría entón nesa peli? Pois talvez esa metraxe un chisco excesiva. Digamos que lle poden sobrar vinte ou trinta minutos, pois na primeira parte, cuxo tempo narrativo resulta bastante lento, produce certa fatiga no público. Séntese unha especie de canseira con tanta charla. Isto da lentitude, que podía ter contribuído a xerar máis interese, dada a tensión dramática que se intenta conseguir dese xeito, o que logra, nalgúns casos é fartura. No entanto, a partir da segunda metade, a peli recobra o ritmo doutras anteriores do director. Así é que, de resistirmos entón ese primeiro asalto, desfrutaremos enormemente da segunda parte, que, sen dúbida, gaña en chispa e velocidade. Malia todo isto, considero Os oitos odiosos un filme ben interesante, no seu conxunto, polo que paga a pena non rendirse e agardar. Hai quen fala xa de obra mestra. Ben, eu non diría tanto.

Unha moi boa peli e punto. Iso si, insisto, con matices. A verdade é que Quentin Tarantino ten estado mellor en Rersevoir dogs ou en Kill Bill I e Kill Bill II, mais tampouco non hai que dramatizar a cousa. Xa volverá a inspiración. Non se pode xer un crak todo o tempo.

Te puede interesar