Opinión

Ofensa

Ofender como humillar ou ben ofender como ir na contra daquilo que se considera, normalmente, correcto, de bo gusto? É a ofensa unha acción premeditada sempre ou pode producirse sen a máis mínima intención? Quen pode ofender? Quen pode ser ofendido/a? E moi importante, ofende o mesmo a todas as persoas, e, de ser isto así, faino por igual? Pregunto todo isto sen intención de molestar, mais, tendo conta do sucedido cos titiriteiros, ben podería ser que, sen o pretender, algunha persoa puidese sentirse aludida, e, xa que logo, atacada indirectamente. 

Como non podemos controlar as reaccións doutras persoas, case mellor non conceder demasiada importancia a toda ese grupo de humilladas e ofendidas polo “enaltecemento do terrorismo” dos devanditos titiriteiros e facer visíbeis outras ofensas graves que o Estado non sanciona coa mesma dureza. Sorprende entón que estes dous mozos teñan pasado cinco días en prisión polo simple feito de que unha marioneta, cuxo papel era o de policía, colocase unha pancarta a outra marioneta, na que estaba escrito “Gora Alka-ETA”, para incriminala. De que? De enaltecemento do terrorismo. 

A confusión entre a realidade e a ficción, que pregonaba o pobre de Sexismundo naquela torre ao que foi confinado, só por ter nacido -pensaba el- está presente neste caso dos titiriteiros. Canto máis poderían ofender, para castigalos máis? Non ofenderon os demais -sendo “os demais”, poño por caso, Rita Barberá, Urdangarín ou Arturo Fasana, implicado na trama Gürtel etc etc-, pois se os demais ofenderon, que privilexios tiveron que estes dous mozos non gozaron xamais? 

A cousa está así, porque neste mundo, en conclusión, non todas e todos soñan o que son. Algunhas persoas arelan unha vida mellor para as súas familias, con todas esas cousas básicas, das que, lamentabelmente, carecen. Un traballo digno, por exemplo, ou hospitais co persoal e material necesario para os enfermos. Tamén escolas públicas con comedores e orzamento suficiente mellorar a calidade do  ensino. 

Soñan, soñamos, con tantas cousas que sería xusto e moral acadar nunha sociedade civilizada... Pero aqui existe unha certa barbarie que se reflite nese tipo de valoracións simplistas, como as que se fixeron sobre Raúl García y Alfonso Lázaro, cuxa única pretensión era facer unha reflexión sobre situacións “inxustas e inmorais”. Nada que ver co enaltecemento do terrorismo. En absoluto. De feito, non ridiculizaron na súa obra a tantos e tantas que practican o “terror económico” no nome do Estado. E poderían. Ou non, talvez non poderían, pois a liberdade de expresión esmorece a cada máis. 
Penoso e horrífico espectáculo este que temos diante dos nosos ollos. Préstese atención, porque o terror está servido.

Te puede interesar