Opinión

Musicas celestiais

De repente é un pracer descubrir músicas que un descoñecía aínda estando moi próximas a nós, como é o caso de “Sueño de Calíope”, unha formación feminina que desembarcou na “Pasarela de Moda Calpurnia” celebrada o pasado sábado na contorna da Burga e que nos puxo a pel de pita dándolle entrada ó evento. Un fermoso evento, por certo, que tiven a honra de presentar e no que o numeroso público congregado fixo que me sentise unha vez máis profeta na miña terra. Nunca llo agradecerei bastante ó meu Ourense querido. Foi todo un pracer compartir dúas horas de moda e beleza nun lugar tan máxico, elexido acertadamente pola Federación de Comercio, presidida polo sempre entusiasta Aurelio Gómez Villar.

E aí estiveron como aperitivo musical de luxo a pianista e compositora Isabel Alvarez e a magnífica intérprete e poetisa cubana Dania D’Alfonso, que o mesmo pode recrear as mellores cancións da Trova Cubana que interpretar excelentes arias coa súa dulce e expresiva voz de soprano. E todo elo baixo a dirección de José P. Pérez, que como artista e mestre fundador da Productora de Concertos Vocálitis promove xóvenes valores da canción en Galicia a través do proxecto “Crecer na Terra”.

E se de músicas e voces importantes falamos tamén quero traer hoxe aquí á cantante cordobesa Vega, saída hai anos da factoría de Operación Triunfo e afincada por amor en Galicia, cunha carreira realmente interesante, desas que non fan demasiado ruído pero nas que cada pasiño dado convértese en todo un luxo. Con Vega, que esta noite estará no “Bamboleo”, compartín escenario hai un tempo nun fin de festa do Festival da Canción Misioneira celebrado no ourensán Pazo “Paco Paz”, onde xa nos sorprendera a todos coas súas composicións e a súa cálida voz. Vega ten feito cancións para múltiples artistas e paga a pena visionar en internet a versión do tema “Como yo te amo” que popularizaran no seu día a gran Rocío Jurado e o gran Raphael, neste caso cunha versión ben distinta acompañada en directo na Sala madrileña “Joy Eslava” polo gaiteiro Xosé Manuel Budiño.

E para rematar por hoxe con músicas celestiais contarvos que a nosa cantora María do Ceo está cos últimos ensaios previos ós seus importantes concertos no Teatro Colón da Coruña o próximo dia 2 e no Teatro Jofre de Ferrol ó día seguinte, onde non dubidamos do éxito total que terá como xa lle acontecera no multitudinario concerto do Teatro García Barbón de Vigo, onde coma sempre puxo ó público en pé, sen esquecernos do emotivo concerto das Festas de Ourense acompañada pola Banda de Música Municipal onde mesmo fixo vibrar as pedras da Praza Maior.

María do Ceo está xa preparando un novo disco dobre no que vai incluir fermosos temas populares do cancioneiro galego e portugués, e no que teremos de novo a honra de participar da súa producción a través do sistema de “crouwdfunding”, isto é, microdonacións que lles permite ós artistas sacar novos discos e a nós ter o privilexio de colaborar neles. Comigo xa sabe que conta desde agora mesmo.
 

Te puede interesar