Opinión

Primavera na Serra do Larouco

Chegou abril e con el chegaron de novo as ganas de coller o coche e perderme pola xeografía ourensá para ver como a nosa provincia ponse aínda máis fermosa do que xa é de seu. Fágoo desde hai moitos anos, adoitando comezar pola Ribeira Sacra, como no seu día facía cos meus alumnos da Universidade Laboral ou cos amigos de Allariz. Gusto de viaxar moi amodiño, parando ducias de veces e vendo como o estoupido multicor da natureza dános a paz, o acougo e a beleza que o día a día das cidades moitas veces non nos deixa sentir. Tumbarse “á bartola” na frondosidade que rodea Santa Cristina de Ribas de Sil é todo un luxo, gratuito, que non deberiamos perder; iso sí, procuro evitar eses días de especial concurrencia onde o ruído e os teléfonos gravadores substitúen ós propios ollos no disfrute sensitivo. Son consciente de que son un privilexiado ao poder viaxar entre semana cando hai moitísima menos afluencia de público, e son consciente de que todo o mundo tén o dereito, e mesmo o deber, de coñecer e disfrutar do seu patrimonio cultural e natural, aínda que ás veces houbera que facer dentro dos autobuses turísticos un minicurso pedagóxico de como comportarse en determinados lugares.

O turismo de masas que tivo a virtude de democratizar a posibilidade de ver mundo tamén trouxo o inconvinte de acoller a non poucos viaxeiros “que pasaban por alí” e os que o mesmo lles dá cantar a “Rianxeira” no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova que entrar en bañador polo Pórtico do Paraíso da Catedral ourensá. Por iso celebro cando vexo esas excursións ben programadas que están comandadas por profesionais de turismo que exercen de guías, tanto de información arquitectónica ou paisaxística como de urbanidade, esa palabra tan en desuso que debera volver a estar nos boletíns de notas académicas dos primeiros anos do ensino, como moitos de nós recordamos.

E buscando a paz e a beleza comprometín públicamente no “Bamboleo” a miña visita a Lucenza nas terras de Cualedro, un fermoso lugar onde eu actuei hai uns anos recibindo un enorme cariño, deses que as nosas xentes dan de corazón. Alí está agora agardando por nós “o banco máis triste do mundo”, que os seus veciños queren converter no “banco da esperanza”, onde a desolación deixada polos criminais incendios do verán dean paso a un novo renacer da Serra do Larouco e das súas aldeas. Galicia, tan maltratada polo lume e os pirómanos desde sempre, é unha terra que, a pouco que a mimen, sabe perdoar e rebrotar cunha forza sorprendente, e estou seguro que desde ese banco de Lucenza volveremos sentirnos orgullosos e poderemos volver presumir das terras do Rei Larouco, respectado e adorado a un e outro lado da raia. Os seus veciños, a través dun fermoso almanaque que me fixeron chegar, piden que lles axudemos a defender o seu tesouro paisaxístico, ambiental, económico e cultural; contan con nós, non podemos fallarlles. Eu prometo que nesta miña nova primavera viaxeira será unha das primeiras visitas que faga.

Te puede interesar