Xornal Escolar

Adornando a árbore de Nadal

xornalescolar_1512_lixoteca_001
1 / 6

Os materiais que precisamos para facer este adorno da árbore de Nadal son moi doados de conseguir: moita lá branca, un anaquiño de corda, un pompón, tres boliñas, un recorte de cartolina, tesoiras e pegamento (nós empregamos unha pistola de silicona, pero podes coller o que máis cómodo che sexa).

xornalescolar_1512_lixoteca_002
2 / 6

O primeiro que faremos será o pompón así que imos aprender como. Coloca os catro dedos (agás o polgar) da man e vaille dando voltas coa lá ata que teñas un bo mogollón. Cando vexas que xa é suficiente, corta a lá e saca a man do interior sen que se desfaga o feixe.

xornalescolar_1512_lixoteca_003
3 / 6

Toca agora fixar ben o mogollón de lá para facer o pompón. Cortamos outro anaco de lá e atámolo facendo un paquetiño como ves na imaxe. O bo desta técnica é que che vale para moitas cousas: facer un adorno para un gorro, engadirlle colorido a un xersei aburrido… Ou facer moitos adornos para o Nadal.

xornalescolar_1512_lixoteca_004
4 / 6

Se aínda non o ves claro, non te preocupes. O paso que vén agora é o importante. Nos dous lados do paquetiño quedouche a lá unida e o único que temos que facer é cortala coas tesoiras e separar ben coas mans tódolos fíos para darlle a forma dun pompón. Podes cortar as puntas dos pelos que quedaran máis longos.

xornalescolar_1512_lixoteca_005
5 / 6

Agora que temos o pompón listo, imos comezar a darlle forma ó noso gnomiño. O primeiro será facerlle un sombreiro. Corta na cartolina un círculo e quítalle coas tesoiras un triángulo coma se fora unha ración de pizza. Une os lados que quedaron recortados lembrándote de pegar entre eles o cordel para pendurar o adorno.

xornalescolar_1512_lixoteca_006
6 / 6

Colle o pegamento. Coloca un pompón pequeniño na punta do sombreiro e as boliñas de madeira facendo de ollos e naris no pompón grande. Só queda agora unir o sombreiro coa cara e xa temos listo este gnomiño tan orixinal para adornar a nosa árbore de Nadal e pasar unhas felices festas. Xa sabes… mans á obra!