CONCELLO

Xinzo acometerá un plan para adaptarse á lei de mobilidade

WhatsApp Image 2018-06-21 at 13.37.09_result
photo_camera Un momento da reunión con responsables de Cogami no despacho do alcalde, á dereita.

O rexedor, Manuel López Casas, dixo que hai "moita necesidade" de abordar obras neste senso

O Concello de Xinzo abordará un plan para mellorar a vila en materia de accesibilidade. O goberno local traballa estes días para dar resposta ás reivindicacións feitas dende colectivos como Algaria -a Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca de A Limia- ou por grupos municipais como o PSOE de Xinzo, para suprimir as barreiras arquitectónicas que aínda existen na vila e nas parroquias da contorna. Neste senso, os socialistas reclaman melloras no parque de O Toural, na piscina climatizada, e na Casa da Cultura de Xinzo, que non conta nin con rampa nin con elevador para acceder ao segundo andar. 

O alcalde popular, que dixo estar ao corrente destas carencias, tamén apuntou a necesidade de facer melloras nas beirarrúas da rúa Ladeira. 

Por todos estes motivos, Casas e Ricardo Sieiro -edil de Urbanismo- mantiveron unha xuntanza de traballo con representantes de Cogami -a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade - para elaborar un plan director de accesibilidade. O obxectivo será valorar as deficiencias en materia de mobilidade tomando como referencia a ubicación de edificios de uso público e zonas de ocio tanto de Xinzo como das súas parroquias para, posteriormente, facer unha proposta de mellora.

Te puede interesar