obras

O alcalde de Xinzo defende a obra da avenida de Celanova

<p></p>
photo_camera Ás árbores apareceron esta semana con pintadas alusivas á súa futura desaparición.

Califica a reforma como "imprescindible" e apunta que a tala se fará por motivos de seguridade

O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, sinalou que, dende o Concello, actuarán con "coherencia" e a prol da continuidade dunha obra "pola que levamos loitando media lexislatura". O rexidor local respondeu así aos movementos que están xurdindo na vila por parte de varias asociacións ecoloxistas e grupos da oposición co obxectivo de paralizar a tala das árbores da avenida de Celanova que se acometerá coa reforma do vial.

Pérez puntualizou que, dende o seu goberno, "non poden tomar decisións que non lle corresponden", xa que "non teñen competencia directa sobre a obra nin sobre a vía". Neste sentido o rexidor local defendeu a labor dos técnicos da Consellería de Infraestruturas. "Estaría mal que se talasen as árbores indiscriminadamente e sen motivo", explicou Pérez. "Pero neste caso a decisión responde a motivos de seguridade viaria".

O alcalde de Xinzo recordou que o pasado 17 de xaneiro recibiu no Consistorio máis de 200 firmas de veciños desta avenida "para substituir as árbores da estrada de Celanova por outras máis pequenas". Antonio Pérez mostrou predisposición a "escoitar a todo o mundo" pero quixo lembrar aos grupos municipais da oposición que "as propostas fanse no Concello, día a día e durante os plenos".

Para finalizar, o máximo representante de Xinzo explicou que "gobernar significa tomar decisións" co obxectivo de "progresar e ter un vial en condicións". Neste sentido engadiu que "os veciños de Xinzo non se merecen que as obras se paralicen".

ACTO ESTE SÁBADO

Por outra banda, a recén creada plataforma "Amigos das Árbores da Limia" celebrará este sábado, ás 10.30 horas un acto na avenida de Celanova no que se fará "unha valoración económica das árbores tomando como referencia a carta de Granada". O colectivo tamén solicitará unha mesa redonda.

Os grupo socialista pide explicacións no Parlamento

Os socialistas de Xinzo transladaron ao Parlamento Galego "a súa fonda preocupación pola tala indiscriminada que o Partido Popular quere materializar na avenida de Celanova", xa que segundo sinalan "é a única rúa do Concello completamente flanqueada por árbores". A través da deputada, Patricia Vilan, os socialistas rexistraron tres preguntas para ser respostadas en pleno para "pescudar" por qué se van a talar as árbores, "por qué non se buscan alternativas que eviten esta destrucción" e "se estas especies afectadas non son patrimonio natural centenario que sexa obxecto dunha especial protección". 

O grupo socialista de Xinzo mantén que "non é obrigatorio facer esta reforma causando un impacto tan grande ao medio".

Te puede interesar