O alcalde de Xinzo denunciará un suposto delito na elaboración dos informes contrarios aos seus contratos

A oposición non acode ao pleno para que o rexedor explicase a súa situación porque 'a convocatoria non cumpriu a lei e xa abonda de ordeno e mando'


O alcalde de Xinzo de Limia (Ourense), Antonio Pérez, denunciará no xulgado un suposto delito relacionado cos ordenadores precintados ao secretario e interventora municipais hai dúas semanas, nos que, segundo dixo, os técnicos informáticos 'atoparon os informes que argumenta o xulgado como contrarios aos decretos de contratación e resulta que as datas da súa creación son posteriores ás dos decretos'.

Pérez conta con cinco sentenzas do Xulgado do Contencioso-Administrativo que anularon, no último mes, outros tantos decretos de contratación executados durante 2012, pois segundo as sentenzas, os contratos non tiveron en conta a case vintena de informes contrarios a eles emitidos polo secretario e a interventora municipal.

O rexedor, que xa recorreu catro das sentenzas, alegou nos seus recursos de apelación, presentados durante esta semana, que non coñecía eses informes a pesar de que nalgún dos decretos si consta a afirmación de que lles deu lectura. Este xoves, na porta do salón de plenos de Xinzo, recordou que ordenou a axentes policiais precintar os ordenadores de ambos os dous funcionarios estatais.

'Só vou dar ese dato importante, de que nos ordenadores os expertos atoparon que as datas de creación deses informes son posteriores aos decretos de contratación', repetiu ante os medios de comunicación.

'Estase a analizar todo e non vou entrar no que non sei, pero irei ao xulgado con todo isto para que investigue e estamos a preparar a denuncia', engadiu.


'DECIDEN NON VIR'

O rexedor explicou aos xornalistas o que, segundo dixo, ía explicar no pleno extraordinario que convocou para a mañá do xoves, a petición dos oito edís da oposición. 'Non entendo que despois de pedir este pleno o día 25 de novembro a través de rexistro, agora decidan non vir; igual é que non queren escoitar o que teño que dicir', criticou.

A preguntas dos medios de comunicación indicou que asinou nove decretos de contratación dos que cinco xa foron anulados mediante sentenza xudicial, e que presentará recurso de apelación para todas.

'Sobre o tema penal que indican as sentenzas, parece que si se pode abrir e nos estamos a preparar para iso', respondeu á pregunta sobre os indicios penais de prevaricación que os xuíces do contencioso sinalan nas súas sentenzas. Segundo os textos, a 'desviación de poder' de carácter administrativo presenta 'indicios penais de prevaricación'.


'A CONVOCATORIA FOI ILEGAL'

Na mesma porta do Concello onde debía celebrarse o pleno extraordinario, a voceiro do PSOE municipal, Elvira Lama, acompañada por todos os membros da oposición tras levantarse dos seus asentos sen que se celebrase a sesión, explicou aos xornalistas que a convocatoria do pleno extraordinario 'non cumpriu a lexislación nin nas formas nin no fondo'.

Detallou que o alcalde tiña 15 días para convocalo e 'finalmente decidiu facelo con 24 horas de antelación e con carácter urxente, cando o legal é que o faga con 48 horas e o prazo aínda se remataba mañá -por este venres-, pero está claro que quere chulear á oposición'.

Se se celebrase, este pleno estaría 'viciado e sería nulo', segundo Lama, que instou ao rexedor a que o convoque e respecte a lexislación que indica que a partir do último día de prazo para a súa convocatoria, se o pleno non se celebrou, se convocará de forma automática en décimo día despois e ás 12,00 horas.


'CALQUERA PUIDO ENTRAR NOS ORDENADORES'

Sobre a denuncia anunciada polo alcalde polos datos atopados nos ordenadores dos funcionarios estatais, Lama indicou que o 'trato recibido polo secretario e a interventora do concello non foi correcto e non ten precedentes en toda Galicia'.

Engadiu que ese precintado 'non garante nada pois son ordenadores sen clave de acceso polo que calquera funcionario pode acceder ao seu contido'.

Pola súa banda, o voceiro do BNG Ramiro Rodríguez, agregou o trato 'sen precedentes' aplicado aos funcionarios estatais de Xinzo de Limia o feito de que o precintado de ordenadores foi 'arbitrario e sen sustento legal'.

Segundo o voceiro nacionalista, o alcalde de Xinzo actúa 'á desesperada ante a previsible investigación penal no xulgado e todo faino pensando en conseguir unha nulidade; pero este só é o penúltimo capítulo dunha telenovela que comezou hai tres anos, coa súa toma de posesión do cargo de alcalde'. 'Ante a gravidade da situación, decidimos dicir xa basta ao ordeno e mando', finalizou.

Te puede interesar