O Camiño da Armada contará con 320.000 euros

Amador Díaz, Luis Menor e José González visitando o camiño da Armada.
photo_camera Amador Díaz, Luis Menor e José González visitando o camiño da Armada.
Este orzamento permitirá rexenerar e ampliar o firme nun tramo de algo máis dun quilómetro

A Xunta e a Deputación destinarán un total de 320.000 euros ás obras de mellora e acondicionamento do Camiño da Armada, en Xinzo de Limia, unha vía fundamental para dar saída á produción agroalimentaria da bisbarra, en especial no que atinxe ao cereal. A Consellería do Medio Rural achegará 220.000 euros e a institución provincial os 100.000 restantes.

O presidente da Deputación, Luis Menor, xunto ao conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Xinzo de Limia, Amador Díaz, visitaron onte a zona das futuras obras.

“Estamos comprometidos con facer desta comarca un referente do sector agrícola galego”, sinalou Luis Menor. Resaltou, así mesmo, que o Concello de Xinzo recibirá neste ano da Deputación máis de 348.000 euros ao abeiro do Plan CooperOU.

Pola súa parte, o alcalde de Xinzo agradeceu “enormemente” a implicación da Xunta e da Deputación pola súa achega económica para arranxar esta pista. As obras comezarán a vindeira semana e tratarase de que rematen á maior brevidade posible dado o estado actual da vía, para facilitar así o tránsito dos vehículos agrícolas e pesados.

Estas obras de mellora permitirán rexenerar e ampliar o firme nun tramo de algo máis dun quilómetro deste camiño, mediante unha serie de actuacións, como o ensanche, a pavimentación e a instalación dunha nova rede de sumidoiros, así como de sinalización horizontal e vertical. O Concello porá a disposición os terreos e asumirá tamén a explotación e o mantemento das actuacións programadas.

Ademais, 7 millóns de euros foron destinados pola Xunta para financiar ao 100% a construción dos 40 pozos para a captación de auga subterránea do sistema de regadío desta comarca, así como o millón de euros do plan comarcal de camiños e os 1,6 millóns achegados, a maiores, para a reparación de vías de concentracións parcelarias.

Te puede interesar