O carril bici da Moreira, en Xinzo, fará máis seguras as viaxes dos nenos

O convenio contará cun importe de máis de 350.000 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 67.307,63 euros, a Deputación outros 150.000 euros e o Concello os restantes 133.291,44 euros.

Dende a Secretaría Xeral para o Deporte manifestaron o seu apoio ao proxecto que levará a Xinzo de Limia e, concretamente, ao entorno da Moreira, un carril bici e unha senda peonil que mellorará a seguridade dos cativos que realizan prácticas deportivas nas instalacións limiás. En total e segundo quixeron matizar dende este departamento autonómico, o convenio -que foi ratificado recentemente polo Consello da Xunta- contará cun importe de máis de 350.000 euros dos que a Secretaría Xeral para o Deporte achegará 67.307,63 euros, a Deputación outros 150.000 euros e o Concello os restantes 133.291,44 euros.

O proxecto ten por obxecto a definición das obras necesarias para a execución das demolicións, limpeza, nivelación e pavimentación para a creación da senda peonil coa supresión de barreiras arquitectónicas e a execución do carril bici e substitución das lámpadas de iluminación e a mellora do firme con novas capas de rodadura da vía principal e de todos os viais anexos que dan servizo á infraestrutura deportiva para os usuarios comarcais.

As actuacións proxectadas -que comunicarán Xinzo e os campos de fútbol da Moreira e José Antonio Fernández Carrera- terán como fin mellorar a seguridade peonil do acceso ás escolas deportivas e das persoas que utilicen as instalacións,  así como potenciar os recursos da zona.

Te puede interesar